najlashami

NAJLA SHAMI
(najlashami.com)

Cantora e compositora nacida en Compostela, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina, creceu entre Galiza e Kuwait. Interesada pola música desde a infancia, comeza a estudar e cantar con 9 anos, facendo parte de diversos coros polifónicos e formacións de música tradicional galega.

Nesa altura crea as súas primeiras cancións, mais é aos 17 anos, idade á que empeza a tocar a guitarra, cando as súas composicións viran máis persoais e a súa voz vese influenciada por estilos coma o jazz, funk e world music.

En 1997 decide estudar música moderna e educación musical afondando na técnica vocal e na súa pedagoxía, actividade que a levará a países coma Noruega, EUA, Xordania, Kuwait, India, Inglaterra, Portugal e España.

Entre 2003 e 2011 colabora na publicación de diversos traballos: The past to come (Enterphonics, 2003), coa banda de acid-jazz Cinnamon Gum; Ben Deitei (Ouvirmos, 2010), coa Safari Orquestra; e Haikus (Inquedanzas Sonoras, 2011), con Lobalú, entre outros.

Gradualmente incorpora novas influencias na súa linguaxe, achegando sonoridades de Portugal, Brasil e África que mestura coas súas raíces e co jazz, e imprimen unha profunda pegada na súa evolución. Desta nova etapa xurde a colaboración co multi- instrumentista Sérgio Tannus no álbum Son Brasilego (Fol Música, 2012), a gravación do libro-disco e documental CoraSons (Kalandraka, Afrontamento, 2013) e a participación en festivais como “Estou Lá, Festival da Lusofonía” ou “Terra da Fraternidade, Homenaxe a Zeca Afonso”.

Xullo é o mes de lanzamento da súa estrea en solitario, o libro-disco Na lingua que eu falo (Galaxia, 2013), no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro. Unha selección de dez temas que reúne sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico Negra Sombra. Un traballo no que a compositora galego-palestina procura o diálogo entre as súas orixes e as súas referencias actuais.

SOUNDCLOUD

Grupos