imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista Xabier Díaz

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 febreiro 2016

- Fálanos da relevancia da percusión neste novo traballo.

A percusión é o eixo sobre o que bascula todo o traballo: adufes, pandeiras e pandeiretas son o leito sobre o que construimos as melodías vocais e instrumentais xunto coas armonías. Sería dificilísimo entender o traballo sen a importancia da mesma, así foi concebido dende a preprodución do propio disco. É de destacar que desta volta foron gravadas con moita proximidade para que precisamente tiveran unha pegada que aportara a solidez necesaria para ese cometido.

- Que significado ten para ti este disco na túa traxectoria?

É como unha especie de regreso ao punto de partida pero coa bagaxe de todos estes últimos anos. Diría que é un disco iniciático, un novo punto de partida. Despois de varios traballos colectivos nos últimos anos retomo o meu propio pulso, o meu propio paso… Este é o lugar dende o que quero continuar o meu camiño, e tamén representa a paisaxe ou concepto polo que dalgún xeito transitarei en vindeiros traballos, case que unha declaración de intencións...

- A que se debe o título "The Tambourine Man"?

A canción de Dylan é do ano 65… eu do 69… Nela Dylan fai un chamado a un pandeireteiro para que toque unha canción para el, pareceume (metafóricamente) que ninguén mellor ca el para convocar a outras tribus a achegarse a estas músicas, procurar que novos públicos sintan curiosidade polo propio, que é visto alén das fronteiras como algo exótico e orixinal e ás veces descoñecido no seu habitat natural. Que o chamado o faga o avó máis "moderno" e transgresor da historia recente da música paréceme (dende a humildade) outra declaración de intencións...

- Podemos dicir que se trata dun disco bailable para o público?

É un disco bailable na súa práctica totalidade. Historicamente a funcionalidade destas músicas era esa precisamente, vivimos nun tempo de rexurdimento dos seráns, das foliadas… dá xenio ver á xente moza disfrutar recuperando o noso xeito máis auténtico de bailar, polo que, se serve de axuda para botar uns bailes, a empresa que nos ocupou na súa construción terá o mellor premio posible.

- Cal será o percorrido de presentación de ‘The Tambourine Man’?

21 de novembro Vigo, 4 de decembro Madrid e 5 de decembro Barcelona, o traballo ten vocación de universalidade, de sair, de viaxar e espallar a semente polo mundo.

- Por que pensas que é necesaria unha asociación como Músicos ao Vivo?

É necesaria e vital polo que significa para calquera gremio, estarmos unidos na celebración e na reivindicación é absolutamente preciso. Celebramos o camiño feito nestes últimos anos e agardamos que a asociación medre, será unha boa nova para todo o sector.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información