Sergio Tannus

Sérgio Tannus é un dos artistas mais completos da “safra brasileira”. Autodidacta, foise tornando nun virtuoso en instrumentos variados, como guitarras (española, eléctrica e acústica), baixo, cavaquinho, viola caipira, bandolín e percusións. Durante a súa traxectoria, o músico sempre procurou perfeccionar a súa arte, na busca de novas sonoridades, aliadas ás influencias universais, pero sen deixar de lado as súas raíces brasileiras.

Cidadán do mundo, o artista comezou a súa traxectoria musical profesional moi cedo, aos 14 anos. Após anos acompañando artistas, decidiu gravar o seu primeiro proxecto solitario e instrumental titulado Múltiplos Caminhos, onde asinou todas as composicións e arranxos. Alí Tannus confirmaba e consolidaba a súa versatilidade e calidade musical, gravando todos os instrumentos do álbum.

Este brillante traballo logrou unha grande repercusión dando paso a varias xiras por diversos países europeos, como Francia, Alemaña e Portugal. Outro resultado destas xiras foi a súa chegada a Santiago de Compostela, Galicia, cidade da cal se apaixonou e onde vive desde 2006, divulgando o seu traballo como multi-instrumentista e cantautor por Europa.

Desde a súa chegada a Galicia, ven compartindo experiencias e colaboracións, como músico acompañante e/ou produtor musical, con artistas como Uxía, Antonio Zambujo, Carlos do Carmo, Chico Cesar, Lenine, João Afonso, Kepa Junkera, entre moitos outros, actuando tamén o seu trío en obras teatrais como Ordem e Progresso, xunto ao grande humorista e monologuista Carlos Blanco.

Desde xullo de 2013, Tannus agregou ao seu vasto currículo musical outro importante proxecto, aceptando a invitación de formar parte da banda e xira mundial da cantante Dulce Pontes, unha das mais significativas e coñecidas voces de Portugal e do mundo. Tras percorrer varios países europeos, a colaboración rematou en marzo de 2014, co obxectivo de que Tannus puidese centrarse nos seus proxectos independentes.

En 2012, deses numerosos traballos e colaboracións con tantos e variados artistas, xurdiu o seu novo disco de compositor e cantautor chamado SON BRASILEGO. Un proxecto de gran porte e numerosos colaboradores, con cancións e arranxos orixinais do propio Tannus, sempre apoiado pola formación base que conforma o seu trío. Acompañárono en SON BRASILEGO moitos daqueles artistas galegos que o coñeceron e que compartiron con el grandes momentos musicais en todos eses anos que leva vivindo en Galicia. Ademais dos amigos galegos, o proxecto gañou forza e tamén se agregaron músicos portugueses, brasileiros, angolanos e mozambicanos cos que Sérgio Tannus compartira a súa traxectoria artística, creándose así unha auténtica ponte musical entre os países da lusofonía, especialmente entre Galicia e Brasil.

SON BRASILEGO aposta polo intercambio, polo achegamento cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns. Trae ademais da música intuitiva a reflexión sobre a nosa identidade e irmandade, e por riba de todo, sobre o futuro das mesmas a través da música e desa sonoridade atlántica que nos fai a todos ser "brasilegos".

No fondo, o disco significa un agasallo, un agradecemento a todos aqueles artistas e amigos que fixeron posible o crecemento musical e artístico de Sérgio Tannus deste lado do Atlántico.

SOUNDCLOUD

Músicos