12Pros

Compositor de instrumentais de música urbana. Ademais da producción de instrumentais para artistas e proxectos concretos, centra a súa labor en ofrecer a toda a comunidade hip-hop bases ou "beats" de uso libre e de descarga gratuíta, de xeito que calquera MC, sexan cales sexan os seus recursos, dispoña de ritmos sobre os que escribi-las súas cancións. Mediante esta aportación de instrumentais de libre descarga quere tamén amplia-los horizontes do hip-hop, animando e amosando ós rapaces o fabuloso exercicio de desenvolvemento persoal que significa sentarse a reflexionar e plasma-los pensamentos en letras de cancións. Como productor de MCs destacan os traballos continuados coas rapeiras viguesas Aid e Neret, mais tamén conta con produccións para outros artistas galegos como MK&Nónimo, Neko, Jako, Mago, españois como JPelirrojo, Curri C, H0lynaight, Solamentemay, e internacionais coma o rapeiro californiano Ashkon ou o neoiorquino Steve OnPoint. 2013: composición de 8 temas do disco de Aid "Hacer lo que quiero". 2012: composición instrumental do libro-disco de Aid "Rapoemas", editado por Galaxia. 2011: composición instrumental do tema da rapeira viguesa Neret "Cuentos de lágrimas" como parte dunha campaña da ONG Stopaccidentes de concienciación viaria na xuventude. 2011: composición da instrumental do tema "Apréndeo", escrito e interpretado por Aid para a campaña da RTVG "A calquera hora". 2011: composición de 2 temas para o grupo Pontevedrés Neko & Daso pertencentes ó disco "Underground Experience" gravado e editado polo selo de hip-hop Wahin Makinaciones. Dentro dos traballos de instrumentais de uso libre ou "beat-tapes" destacan 3 volumes de "Beats For The People" colgados no portal hhgroups.com con máis de 150.000 descargas, ademais dun novo concepto de disco: o "Colaboración Abierta" realizado con Neret, consistente en 10 instrumentais de uso libre nos que a rapeira viguesa inclúe un anaco de voz, ven sexa en forma de rap ou estribillo, convidando ao oínte a completa-la canción. Os froitos destas iniciativas de ofrecer ritmos á comunidade hip-hop recóllense, como non pode ser doutro xeito, en forma de cancións que a xente grava sobre os beats: temas que chegan dende moitas cidades galegas, Barcelona, Sevilla, Pamplona, Colombia, México, Arxentina, Norteamérica,... Tamén colabora cos programas radiofónicos de difusión do hip-hop galegos "Moito de Aquí" e "Distrito 36" aportando as sintonías, ademais de ter colaborado coa cantante e coreógrafa coruñesa Carolina López na montaxe da música para diversas actuacións de escolas de danza. Actualmente presenta o proxecto "#WORLDBEATTAPE": é un traballo de instrumentais de libre descarga para o uso e disfrute dos cantantes. É a beat-tape máis ambiciosa nunca levada a cabo, xa que contará con unha instrumental por cada país do mundo, isto é ao redor de 200 ritmos. O proxecto comezou no verán de 2013, e conta actualmente con 17 instrumentais colgadas, aumentando continuamente. No tempo que leva en marcha xa se notificou o emprego de "beats" por parte de artistas dende Canarias ata Zimbabwe. O proxecto pretende, dende o ámbito da música urbana, unir a tódolos artistas máis alá das fronteiras e ser un espazo común de intercambio de culturas, linguas, e cancións. www.12pros.tumblr.com

Músicos