Grupo Celta de Ortigueira

Cada verán Ortigueira convértese no corazón da Europa atlántica para acoller, dende o ano 1978, o Festival Internacional do Mundo Celta. Unha cita declarada Festa de Interese Turístico Internacional e que congrega na Vila de Santa Marta a milleiros de persoas chegadas dende todo o mundo. Neste contexto e a través dese magnífico contacto anual cos mellores grupos de música de raíz, nace o Grupo Celta da Escola de Música de Ortigueira. O seu obxectivo non é outro que o de achegar a música folk a tódalas persoas, aplicar os coñecementos adquiridos nas distintas materias impartidas no centro, e que gocen coa súa programación. Este Grupo Celta creado no curso 2009-2010, está dirixido por Juan Barcón Peña. Na actualidade está formado por alumnos e ex-alumnos que de xeito regular veñen desenvolvendo unha actividade musical en diferentes escenarios, como o Festival de Ortigueira. Teñen no mercado un traballo discográfico titulado "Música para a Vida". En definitiva, unha formación xove, cunha curta traxectoria pero que se está a consolidar día a día.

Músicos