UXÍA ANDANDO A TERRA

“Andando a Terra” é un traballo musical sobre poemas de Manuel María realizado por Uxía e Sérgio Tannus. A idea orixinal do disco partiu da FUNDACIÓN MANUEL MARÍA DE ESTUDOS GALEGOS, e forma parte dun pack editorial no que tamén se inclúen o poemario inédito “Os lonxes do solpor” e o audioviusal “De amor e cantería”. En palabras da propia Uxía, os temas do repertorio son “o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar,face a face. Seguindo o seu exemplo, quixen arroupar a súa poesía na proximidade e coa delicadeza das melodías que fun atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sincero da emoción' que emana dos seus poemas e Amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado. Ademais da metafísica, o amor, a nenez, a casa que quixo tanto e que agora será a Casa dos soños liberados de cadeas, o seu humor, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso. Tamén me permitín adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' na voz da miña querida María Manuela. A poesía de Manuel María flúe coma un río. El é o gardador das albas e da íntima esperanza que nos fai crer aínda no ser humano. Crer a quen leve a música dentro de sí, a quen_nunca sentirá medrar, no seu interior, a moura flor da soidade. Agora sabemos que a súa poesía, coma el mesmo di das fontes romanas, escribiuna para espantar soidades, melancolías e nostalxias e tamén para ser recitada, cantadae devolta ao pobo que lla inspirou. Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños_ ata ser pó, seixo ou silveira. Grazas, poeta, pola inspiración e a alegría que aínda nos entregas en cada verso

Músicos