BOLBORETA

As vistosas ás desta "Bolboreta", proxecto artístico de Lydia Botana, revolotean coas súas espléndidas cores, variadas e brillantes, sobre o panorama musical nun achegamento innovador á evolución. “Las Mariposas vuelan libres", escribiu Stephen Davis e neste caso, o voo musical de Lydia, compositora, cantante e multinstrumentista, de espírito polifacético, nacida en Culleredo- A Coruña, emprendeu o seu rumbo en solitario co seu primeiro disco EP titulado "Metamorfose" (2015), no que conta coa colaboración de músicos coma Xurxo Souto (Diplomáticos de Monte Alto), Gambeat (Mano Negra/ Manu Chao/ Radio Bemba), Gogol Bordello, Canteca de Macao, Che Sudaka, Dios ke te crew, etc.

Aparte, traballa como profesora de música e produce o concerto didáctico para público infantil chamado “De aquí para alá” que achega as músicas do mundo aos máis pequenos/as. O seu voo levouna por diferentes estancias musicais que van dende coros, ata ensembles de percusión pasando por bandas de rock, pop, ska-reggae-punk, folk ata bandas sinfónicas e agora "vuela libre" co seu proxecto persoal onde aletea entre música mestiza, latin, rock, punk, ska..., como medio de expresión para falar sobre o respecto pola terra, as persoas, o mundo que nos rodea, as súas inxustizas e as utopías desta sociedade e do optimismo sobre o que agora Lydia pousa as súas ás de Bolboreta, fusionando xéneros musicais e versións que abrangan dende temas tradicionais galegos como “Túa nai é meiga” ata o reggae de Bob Marley. 

Agora, chega o seu primer álbum LP "Vuelo" (2017) no que escoitamos catorce cancións optimistas e coloreadas, festivas pero á vez moi detallistas que invitan á escoita pausada para poder captalos matices de todos e cada un dos intérpretes que colaboraron con Lydia, que neste álbum gravou acordeón, piano, guitarra, ukelele, voz e percusión. Músicos amigos todos eles da cantante, que forman parte de formacións coma Calle 13, Ojos de Brujo, La Pegatina, Illya Kuryaki & The Valderramas, Bohemian Betyars, Flavia Coelho ou Amparanoia / La Troba Kung Fu entre moitos outros.

Un disco de altos voos musicais que Lydia, Bolboreta, gravou viaxando a diferentes estudios polo que non sorprende que o disco conforme unha viaxe real da autora, quen, para levalo a cabo, visitou estudios de París, Madrid, Biarritz, Barcelona, Cardiff, Buenos Aires ou Rabat.

Un proxecto musicalmente moi colorido no que Lydia mostra e demostra o seu espírito de liberdade plantando cara aos retos e buscando sempre ensanchar as súas posibilidades explorando novos estilos e novas tendencias. (Nonito Pereira) 

 

SOUNDCLOUD

Músicos