Ophiusa

A finais do ano 2005, a banda de música folk galega Ophiusa volta ós escenarios da man dos seus fundadores orixinais Paco Nogueiras, Antonio Presedo e Ramón Feáns, dando inicio a unha nova etapa creativa do seu proxecto musical ó que se incorpora Paulo Gacio. O cuarteto entra no estudio de gravación en 2008 para rexistrar o seu primeiro disco en solitario nesta nova andaina, titulado Paos, que foi moi ben acollido pola crítica especializada e os medios de comunicación, e co que consegue ser finalista na XIII Edición dos Premios de la Música, no seu apartado de mellor canción en galego. A comezos de 2010, e tras ampliar a súa base rítmica e harmónica, Ophiusa publica como sexteto o seu segundo traballo discográfico: Sen Planeta. Nesta nova produción, a súa música experimenta unha evolución cara o compoñente máis electrónico do seu propio son, dando un xiro cara a contemporaneidade propia dos nosos tempos. Ambos os dous discos foron gravados nos seus propios estudios (Pink) e autoproducidos, o cal lle permitiu á banda traballar sen presións e con liberdade artística, xogando coa música, ademais de experimentar e probar as enormes posibilidades creativas que ofrecen os sintetizadores analóxicos e os secuenciadores, de xeito máis visible en Sen Planeta. Así mesmo, os temas incluídos nos dous discos son compostos e producidos na súa totalidade pola banda. Ophiusa contou nestes dous traballos discográficos coa colaboración de músicos sobradamente recoñecidos na escea folk, coma Moncho Díaz de Fuxan os Ventos (Paos), Bieito Romero de Luar na Lubre (Sen Planeta), Oscar Fernández de Bonovo (Sen Planeta), Benjamín Otero de Linho do Cuco (Sen Planeta) e Pedro Pascual de Marful (Sen Planeta), entre outros. Nesta nova etapa, a banda xa ten interpretado a súa música en directo nalgúns dos escenarios do eido do folk máis salientables na actualidade do noroeste peninsular, tales como o Festival Folk Cuartu de los Valles en Asturias (2007), o “Escenario Runas” do Festival de Ortigueira (2008), o Festival Irmandiño de Moeche (2008), a Esmorga Folk de Bandeira (2008), o Festival do Asalto ó Castelo en Vimianzo (2009), ou o Festival Intercéltico de Moaña (2010), por citar algúns. Recentemente, a súa participación no Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña-Francia) (2011) tivo unha grande acollida por parte do público e da crítica.

Músicos