A BANDA DA LOBA

Muiñeiras nos montes.
Maneos nos muíños.
Música con M de muller.
Para poboar
os camiños das cidades,
as avenidas das aldeas,
as encruzilladas nas que se agocha Pepa a Loba.

Bailemos as rúas!

Integrada por cinco mulleres (Xiana Lastra - voz, Estela Rodríguez - violín, Marcela Porto - percusión, Andrea Porto - baixo e Inés Mirás - guitarra) que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en poemas da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.
Neste momento están a presentar o seu primeiro traballo discográfico, "Bailando as rúas", realizando unha xira initerrompida desde decembro por salas e teatros cun gran éxito de aforo e unha moi boa acollida nos directos, potentes e cargados de boa enerxía. Para este traballo contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras.

 

Músicos