Grampoder

O grupo compostelán Grampoder estrea ‘Golf Whiskey’, o seu primeiro traballo discográfico, editado polo selo cooperativo Discos da Máquina. O disco pode obterse nas tendas ou no sitio web da banda, grampoder.bandcamp.com. Grampoder son Le Roi e Martin Wu, antigos compoñentes de bandas como The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra. Fan rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico, hardcore comeflores. O seu set cabe nun Seat Ibiza e din que tanto poden tocar no Carnegie Hall coma no hall dun piso de protección oficial. De feito, na súa curta traxectoria xa tiveron ocasión de actuar en bares, restaurantes, chiringuitos, museos de arte contemporánea, tendas de discos, galpóns e salas de estar. Porque o concepto é ese: facer boas cancións, con melodía, enerxía e compromiso, e poder adaptalas a calquera escenario. ‘Golf Whiskey’ gravouse en febreiro no estudo A Ponte (Santiago de Compostela) por Tomás Ageitos; do master encargouse Dr.Chou. O disco inclúe doce cancións que envolven en melodía, psicodelia, folk e tropicalismo unhas letras rabiosas e desencantadas.

Músicos