Coro Gaos

O Coro Gaos nace en outubro de 2010 como continuación do proxecto da Orquesta Gaos. Está constituído por 55 voces e todos eles teñen unha ampla experiencia en diferentes coros da comunidade. A súa actividade repártese entre o repertorio a capella e a música sinfónico-coral, cun especial énfase na ópera. Preséntase ante o público na inauguración da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), acto presidido por S.S. A.A. R.R os Príncipes de Asturias.

 

Desde ese mesmo ano participa no Festival de Amigos da Ópera, e posteriormente, na Tempada Lírica da Coruña, traballando en producións coma Falstaff, Madame Butterfly, Il barbiere di Siviglia, Il Trovatore, Lucia di Lammermoor, L’elisir d’amore....con importantes batutas, directores de escena e cantantes, entre os que destacan os directores de orquesta como Alberto Zedda, Gómez Martínez, Ramón Tébar ou Keri-Lynn Wilson, directores de escena como Gustavo Tambascio, Mario Pontiggia ou Alfonso Romeu e cantantes como Celso Albelo, Bryn Terfel, Ainhoa Arteta, Gregory Kunde, Juan Jesús Rodríguez ou Marianne Cornetti.

Así mesmo, en 2015 comezou a súa colaboración cos Amigos da Ópera de Vigo e de Santiago participando nas súas respectivas tempadas e producións.

En 2011 e 2012 participa no I e II Ciclo de Catedrais cantando a Misa de Réquiem de W. A. Mozart e a Messa de Gloria de G. Puccini xunto á Orquesta Gaos con motivo da celebración do 800 aniversario da Catedral de Santiago de Compostela.
En 2014 celebra o V aniversario da Orquesta Gaos coa interpretación da Novena Sinfonía de Beethoven, e a realización dunha vira por Cataluña destacando a súa participación na 49º Festival Internacional de canto coral de Barcelona, no Palau da Música Catalá, así como concertos na Sagrada Familia, a Basílica do Pi ou o Monasterio de San Cugat. 

En outubro dese mesmo ano obtén o Primeiro Premio no XIII Concurso Nacional de Corales Antonio José celebrado en Burgos e máis recentemente o Segundo Premio no XXXII Certamen Coral Internacional Vila de Avilés e o Segundo Premio no XLV Certamen Coral de Ejea de los Caballeros. 

En setembro de 2015 pon en marcha un novo proxecto: os minigaos, dous coros infantís cos que inculcar desde a base a paixón pola música e o canto coral, e que contan xa con 55 nenas e nenos. 

Músicos