2nafronteira

A cantante arraiana do Couto Mixto Carmen Penim e o pianista romano Maurizio Polsinelli afincados en Moaña (Pontevedra) forman o dúo 2naFronteira dende o 2008. No 2011 publican en Italia, país onde residían, o disco "Humo en los ojos" (piano e voz), que vén recoller parte do traballo de composición que fixeran naqueles anos, principalmente en torno a poemas de Carmen e de poetas en lingua española, como Lorca, Góngora ou Garcilaso. O disco contiña xa tamén dous temas orixinais en galego. Dende hai algúns anos están inmersos na composición de músicas para poesía en galego, tanto clásica como de poetas actuais. Entre os seus traballos de composición destaca a musicalización de "Seis poemas gallegos" de García Lorca, ou a de extractos de Cantares Gallegos de Rosalía, así como tamén de poemas do poeta portugués Fernando Pessoa. Sen esquecer outros nomes como Paz Andrade, Celso Emilio, Curros ou Rivas. Proxectos todos eles representados no último traballo: Alma. Neste disco introducen o harmonio, que xa vén sendo nos últimos anos, a carón do piano, un elemento imprescindible nos seus concertos e que entronca con sonoridades antigas e tradicionais de Galicia. Actualmente están traballando con Otero Pedrayo, Miro Villar, Helena Villar e Díaz Castro (Letras Galegas 2014) e estrearon recentemente un novo tema propio tamén na letra para voz e harmonio: “A Rosa do Couto Mixto”. A principal característica do dúo é a perfecta unión entre unha elevada calidade técnica e unha grande paixón interpretativa que non deixa indiferente ó público. Unido isto a unhas melodías que van dende a música culta á tradicional de variadas orixes e que se encontran á perfección cos textos elexidos.

Músicos