FACTORÍA DE SUBSISTENCIA

Uns pesadelos sonoros non me deixaban descansar na intranquilidade do meu benestar. Eu, JOSITO PORTO, necesitaba botar para fora eses temas que revoloteaban entre as circunvolucións do meu cerebro desde a época de KOROSI DANSAS, banda arousá que co seu ROCK DE BATEA tentou berrar coa intensidade que imprime o sangue, suor e merda. Actualmente as pinceladas musicais veñen dadas tamén polos acordes popvrincianos de MAGRITTE desde a terra das burgas.

O traballo nos escenarios como músico e actor fíxome coñecer a moita xente ben interesante. Quixo a casualidade que nunha destas aventuras escénicas entrase en contacto con SABELA DACAL, persoa ligada ao mundo das artes escénicas e, ela sí, grandísima música multiinstrumentista. Xa podo contar con alguén para darlle forma a aquelas ideas que bailaban nos meus ollos. Con alguén con quen intercambiar os fluidos da imaxinación que son moitos e, ás veces, moi densos.

A complicidade entre os sons da guitarra e do acordeón marcan un estilo aparentemente sinxelo, sen moitas complicacións, descarnado coma o sorriso nervioso de quen quere aparentar una falsa tranquilidade desde o fondo do seu pozo. Co acordeón de Sabela Dacal ábrense novas posibilidades musicais.

Unha nova etapa comeza dentro da fructífera vida de FACTORÍA DE SUBSISTENCIA.

Influencias? Moitísimas e ben variadas, tan variadas como a música que escoitamos ao longo das nosas vidas e que, sen decatarnos, foron deixando a súa inocente pegada nas nosas sombras. Poden aparecer pequenas pinceladas que nos leven a pensar en SurfinBichos, Nacho Vegas, Los Planetas, The Cure, Leonard Cohen, Albert Pla, reminiscencias folklóricas,… ou non, ao mellor simplemente quixeramos que fose así…ou non.

Somos FACTORÍA DE SUBSISTENCIA porque se trata precisamente diso, de crear, de inventar, de darlle forma ás ideas que xorden no noso interior ou ao noso redor, ás circunstancias que sobrevoan contínuamente os nosos seres, aos comportamentos que tentan darnos leccións continuas de enfrontamento ante a vida.

 

A finalidade deste proceso creativo, por chamarlle dalgún xeito, busca o intercambio coa xente, co público, con alguén que pasa por aí e queda a escoitar. Darlle a ese incauto a posibilidade de compartir con nós a nana que naceu ao carón do noso corazón ou enredando coas nosas vísceras. Por suposto, sen ningún tipo de prepotencia, desde a claridade, ás veces tamén desde esa parte máis escura que todos temos.

Existe a posibilidade de mover grandes fortunas? Quen sabe, quizais si de mover a inocencia de sitio, ou de achegar aos nosos corazóns o comportamento obsceno dun asasino de nenos. Xogar, coma cando eramos uns cativos, a bos e malos. Permitirnos a chulería de rifarlle a Deus por botar tanto tempo descansando....POR QUE NON SOÑAR? E por que non imaxinar que realmente vivimos nun mundo perfecto, onde xogar cos nosos fillos, onde os nosos fillos se poidan converter nos salvadores da humanidade eliminando a Satán...polo menos ate que alguén veña alterar os nosos doces soños.

Xoguemos cos nosos pesadelos desde a melodía, desde ese neno que guía as nosas vidas, ás veces, nesa fráxil liña que o separa da perversión.

Hoxe somos dous, JOSITO PORTO e SABELA DACAL, mañá poderiamos ser LEXIÓN...

POR QUE NON SOÑAR?"

Músicos