ESTATUTOS DA COOPERATIVA

Estatutos Músicos ao Vivo Músicos ao Vivo S. Coop. Galega

imaxe do usuario Manuel Antonio Alonso Iglesias
14 Agosto 2018


ESTATUTOS SOCIAIS MÚSICOS AO VIVO S. COOP. GALEGA


CAPÍTULO I

Denominación, Domicilio, Ámbito, Actividade e Duración

ARTIGO 1.- DENOMINACIÓN  E RÉXIME LEGAL

Coa denominación “ MÚSICOS AO VIVO, SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA”, constitúese unha sociedade cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, dotada de plena personalidade xurídica e suxeita ás disposicións da Lei de cooperativas de Galicia e as contidas nos presentes estatutos.

ARTIGO 2.- DOMICILIO SOCIAL

1.- O domicilio social da cooperativa establécese na rúa Alcabre Viña Grande número 5, do municipio de Vigo , da provincia de Pontevedra, C.P 36212. 

2.- O domicilio social poderá ser trasladado dentro do mesmo termo municipal por acordo do órgano de administración. Con carácter previo a súa inscrición no Rexistro de cooperativas, dito acordo deberá comunicarse formalmente ás persoas socias.

3.- Para trasladar o domicilio social fóra do termo municipal no que antes estaba, será necesario o acordo da asemblea xeral.

4.-O cambio do domicilio social publicarase nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa.

ARTIGO 3.- ÁMBITO TERRITORIAL

O ámbito territorial dentro do que estarán situados principalmente os centros de traballo nos que as persoas socias prestan habitualmente o seu traballo cooperativizado, é o que corresponde á Comunidade Autonómica Galega, o que non impedirá que os socios traballadores se despracen por razón da súa actividade cooperativa a outras localidades das distintas Comunidades Autónomas.

ARTIGO 4.- OBXECTO E ACTIVIDADE ECONÓMICA

1.- A cooperativa ten por obxecto a prestación do traballo das persoas socias para producir en común bens e servizos para terceiros e a mellora da calidade e condición da vida da persoa, considerada de forma individual e colectiva.

    -. A posta en valor do traballo das persoas dedicadas ao sector musical coa finalidade de promover a profesionalización da actividade.
    -. Promover a difusión da cultura musical de Galicia.

2.- As actividades económicas que desenvolverá a cooperativa para o cumprimento do seu obxecto social, son: 

    -.Coordinación, produción, xestión e desenvolvemento de espectáculos musicais.

    -.Prestación de servizos de formación, educación, ensinanza relativos á mellora en coñecementos musicais.

    -.Toda clase de actividades encamiñadas ao mellor aproveitamento económico, técnico, laboral, social ou formativo da cooperativa e do traballo dos seus socios e socias.

Se algunha das actividades enumeradas para o cumprimento do obxecto social así o precisara, deberá ser exercitada a través de profesionais coa titulación adecuada ou, no seu caso, deberá ser exercitada previas as correspondentes autorizacións administrativas.

ARTIGO 5.- DURACIÓN

A cooperativa constitúese por tempo ilimitado.


CAPÍTULO II

Das persoas socias

ARTIGO 6.- PERSOAS SOCIAS

1.- Poden ser socios ou socias traballadoras desta cooperativa, as persoas naturais con capacidade legal e física para desenvolver a actividade cooperativizada de prestación do seu traballo persoal.

2.- Non poden ser persoas socias traballadoras as menores de dezaseis anos.

3.- As persoas estranxeiras para poder prestar traballo na cooperativa deberán reunir os requisitos establecidos na lexislación específica sobre prestación do seu traballo en España.

ARTIGO 7.- ADMISIÓN 

1.- Para adquirir a condición de persoa socia no momento de constitución da cooperativa, será necesario:

a)    Estar incluído na relación de promotores e promotoras.
b)    Subscribir e desembolsar a achega obrigatoria na contía fixada estatutariamente.
c)    Subscribir o compromiso de non darse de baixa voluntariamente sen xusta causa que cualifique a mesma de xustificada, ata o remate do exercicio económico.
 
2.- Para adquirir a condición de persoa socia con posterioridade á constitución da cooperativa, será necesario:

a)    Ser admitido como socio ou socia.
b)    Subscribir e desembolsar a achega obrigatoria na contía fixada estatutariamente.
c)    Subscribir o compromiso de non darse de baixa voluntariamente sen xusta causa que cualifique a mesma de xustificada, ata o remate do exercicio económico.
d) Desembolsar a cota de ingreso que, no seu caso, acorde a asemblea xeral. 

ARTIGO 8.- PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN 

1.- A solicitude de admisión realizarase por escrito dirixido ao órgano de administración da cooperativa, que deberá resolver motivadamente nun prazo non superior a dous meses, a contar dende o día seguinte á recepción daquela. A resolución comunicarase á persoa solicitante e publicarase no taboleiro de anuncios da cooperativa. Transcorrido o prazo mencionado sen resolución expresa, a solicitude entenderase denegada.

2.- Contra a denegación da admisión a persoa solicitante poderá recorrer no prazo dun mes, a contar dende a comunicación ou do remate do prazo que o órgano de administración dispón para resolver, ante a asemblea xeral. Recurso que se resolverá na primeira asemblea xeral que se celebre, mediante votación secreta, previa audiencia da persoa interesada.

3.- O acordo de admisión tamén poderá ser impugnado por socios e socias que representen como mínimo 10%, no prazo de 10 días a contar dende a publicación do acordo de admisión no taboleiro de anuncios da sociedade, ante a asemblea xeral, que resolverá na primeira que se celebre, por votación secreta, previa audiencia da persoa interesada. Ata que transcorra o prazo para recorrer ou resolva a asemblea xeral sobre o recurso interposto, a admisión quedará en suspenso. 

4.- A admisión poderá ser en situación de proba. O período de proba será de 5 meses. En todo caso, o período de proba poderá reducirse ou suprimirse por mutuo acordo.

O socio ou socia a proba ten os dereitos e obrigas derivados da súa condición de persoa socia traballadora, excepto os seguintes:
a) Pode resolverse a relación de forma unilateral. A mesma facultade ten o órgano de administración.
b) Non poden realizar achegas ao capital social nin satisfacer ningún tipo de cotas.
c) Non responden das perdas sociais.
d) Non poden ser electores ou electoras, nin elixibles para ocupar cargos nos órganos sociais.

O número máximo de persoas socias traballadoras simultaneamente en situación de proba non será superior a un quinto do total de socios e socias da cooperativa.

ARTIGO 9.- DEREITOS DAS PERSOAS SOCIAS 

As persoas socias teñen dereito a:
a) A ser electoras e elixibles para os cargos dos órganos sociais da cooperativa.
b) A formular propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos nas reunións dos órganos sociais dos que forme parte.
c) A recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
d) A participar na actividade da cooperativa para o cumprimento do seu fin social, sen ningunha discriminación.
e) A prestar o seu traballo persoal na empresa cooperativa e aos beneficios da seguridade social segundo a opción elixida pola asemblea xeral da cooperativa.
f) A percibir periodicamente nun prazo non superior a un mes o anticipo societario, en contía non superior ao 150% das retribucións que, en función da actividade e categoría profesional, estableza o convenio colectivo aplicable ao persoal asalariado do sector.
g) A actualización das achegas ao capital social, así como, no seu caso, a súa devolución e a percepción de xuros por elas, que non poderán ser superiores ao legal do diñeiro.
h) Ao dereito de información nos termos establecidos no artigo 23 da Lei de cooperativas de Galicia
i) A todos os demais dereitos que lles outorguen as normas legais e estatutarias ou os acordos validamente adoptados polos órganos sociais.

Os dereitos exerceranse de conformidade coas normas legais e estatutarias e os acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

ARTIGO 10.- OBRIGAS DAS PERSOAS SOCIAS
    
As persoas socias están obrigadas a:
a) Asistir ás reunións da asemblea xeral e dos demais órganos para os que fosen convocadas.
b) Cumprir os deberes legais e estatutarios así como os acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.
c) Participar nas actividades cooperativizadas que desenvolvan o obxecto social da cooperativa, mediante o seu traballo persoal durante as horas e días do calendario laboral que fixe a asemblea xeral.
O órgano de administración poderá liberar temporalmente de dita obriga á persoa socia que o solicite motivadamente, por causa xustificada. 
d) Non realizar actividades competitivas coas desenvoltas pola cooperativa, salvo autorización expresa do órgano de administración.
e) Gardar secreto sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa cuxa divulgación poida prexudicar os intereses sociais lícitos.
f) Desembolsar as súas achegas ao capital social nas condicións previstas.
g) Participar nas actividades de formación.
h) Aceptar os cargos para os que fosen elixidas, salvo xusta causa.

ARTIGO 11.- BAIXA VOLUNTARIA

1.- A persoa socia poderá darse de baixa voluntariamente na cooperativa en calquera momento, mediante preaviso por escrito ao órgano de administración que deberá enviarse cunha antelación de 1 mes. A efectos do reembolso de achegas, a baixa entenderase producida ao termo do prazo de preaviso.
O incumprimento do prazo de preaviso dará lugar á correspondente indemnización de danos e perdas, e a baixa será considerada como inxustificada, agás que o órgano de administración, baseándose nas circunstancias que concorran, a aprecie como xustificada.
2.- Se a baixa entrañase o incumprimento do prazo de permanencia establecido nestes estatutos, sen xusta causa que cualifique a mesma de xustificada, a cooperativa poderá esixir á persoa socia participar nos termos nos que vén obrigada estatutariamente, ata o final do período comprometido, nas actividades ou servizos cooperativizados ou, no seu defecto, a esixirlle a correspondente indemnización de danos e perdas.
En todo caso, a súa baixa será considerada como inxustificada, agás que o órgano de administración, baseándose nas circunstancias que concorran, a aprecie como xustificada.
3.- Establécese como penalidade por incumprimento, do prazo de preaviso ou do período de permanencia, o incremento dun 10% do importe resultante de aplicar as deducións previstas para o suposto de baixa non xustificada, sobre todas as cantidades reembolsables, que, se é o caso, lle poidan corresponder á persoa socia. Esta penalización deducirase da contía que se fixe como indemnización por danos e perdas.
4.- Para a cuantificación dos danos e perdas esixibles ás persoas socias polos incumprimentos indicados nos anteriores apartados 1 e 2, fíxase o seguinte criterio obxectivo: “ a contía dos danos e perdas será a resultante de multiplicar o número de meses que lle resten ao socio ou socia incumpridora para completar o período mínimo de permanencia, polo salario mensual de convenio que resultaría aplicable, no caso de tratarse dunha persoa asalariada da mesma categoría profesional, tendo en conta a xornada efectivamente realizada pola persoa socia.

ARTIGO 12.- BAIXA OBRIGATORIA

1.- Cesará obrigatoriamente a persoa socia que perda os requisitos esixidos para adquirir a dita condición. 
2.- No caso de perda definitiva dos requisitos para ser persoa socia na cooperativa, a baixa operará automaticamente sen necesidade de resolución expresa ao respecto por parte do órgano de administración, con independencia da obriga deste órgano de resolver no prazo de tres meses desde que tivese coñecemento sobre os efectos da baixa e dos recursos que corresponden á persoa socia con respecto ao acordo que se adopte para tal efecto.
Se a persoa socia incursa neste suposto de cesamento automático desempeña algún cargo en calquera dos órganos sociais da cooperativa, cesará automaticamente para todos os efectos neste, sen necesidade de ningún pronunciamento por parte da cooperativa. O cargo vacante deberá cubrirse segundo o establecido no artigo 45 da Lei de cooperativas de Galicia.
3.- Se a perda de requisitos non ten carácter definitivo, a baixa obrigatoria será acordada polo órgano de administración, de oficio, por petición de calquera persoa socia, en todo caso logo de darlle audiencia á persoa socia afectada.
4.- A baixa obrigatoria terá a consideración de non xustificada cando a perda dos requisitos para adquirir a condición de persoa socia responda a un deliberado propósito desta de eludir obrigas ante a cooperativa ou beneficiarse indebidamente coa súa baixa obrigatoria.

ARTIGO 13.- CUALIFICACIÓN E EFECTOS DA BAIXA 

1.- O órgano de administración deberá resolver sobre a cualificación e os efectos da baixa nun prazo máximo de tres meses desde que lle fose comunicada; pasado o dito prazo, a baixa entenderase como xustificada, agás no caso de incumprimento do prazo de preaviso ou do compromiso de permanencia.
Os acordos do órgano de administración sobre a cualificación e os efectos da baixa da persoa socia poderán ser impugnados ante a xurisdición competente, podendo ser obxecto de recurso previo ante a asemblea xeral, no prazo máximo de dous meses desde a notificación do acordo.

ARTIGO 14.- NORMAS DE DISCIPLINA SOCIAL

1.- As faltas cometidas polas persoas socias, clasifícanse en moi graves, graves e leves. As moi graves e graves son as tipificadas nos presentes estatutos. As faltas leves, ademais das recollidas nos estatutos, poderán ser tipificadas tamén polo regulamento de réxime interno ou por acordo da asemblea xeral.
2.- A tipificación das faltas agrúpase en dous bloques:
1.    As faltas de carácter societario
2.    As faltas de carácter laboral
3.- As faltas de carácter societario clasifícanse en moi graves, graves e leves:
    3.1. Son faltas societarias moi graves:
a)    As operacións de competencia, o fraude nas achegas ao capital social, así como a manifesta desconsideración coas persoas integrantes dos órganos sociais ou coas persoas socias, que prexudique os intereses materiais e sociais ou o prestixio da cooperativa. 
b)    A falsificación de documentos, firmas, cuños, selos, marcas, claves ou análogos.
c)    A non participación na actividade cooperativizada na contía mínima establecida nos presentes estatutos.
d)    Violar secretos da cooperativa que prexudiquen ou poidan prexudicar gravemente os intereses da mesma.
e)    A usurpación de funcións dos órganos sociais, de calquera dos seus cargos, da dirección e de traballadores ou traballadoras.
f)    O incumprimento das obrigas económicas coa cooperativa, incluíndo o impago das achegas obrigatorias ao capital social.
g)    Prevalerse da condición de persoa socia para desenvolver actividades contrarias ás leis.
h)    Ter sido obxecto de sanción durante os últimos cinco anos por dúas faltas graves.
3.2.- Son faltas societarias graves:
a)    A non asistencia inxustificada ás asembleas xerais debida e validamente convocadas, cando a persoa socia teña sido sancionada dúas veces por falta leve por non asistir ás reunións de tal órgano social nos últimos cinco anos. Así mesmo, a non asistencia a calquera dos restantes órganos sociais da cooperativa, cos mesmos requisitos que no caso anterior.
b)    A non asistencia inxustificada ás reunións dos órganos sociais, debidamente convocadas, para as que fora convocada aínda que non forme parte dos mesmos, cando a persoa socia teña sido sancionada dúas veces por falta leve por non ter acudido a tales convocatorias.
c)    Os malos tratos de palabra ou de obra ás persoas que formen parte de calquera órgano social, a outros socios e socias ou á dirección, e a empregados ou empregadas da sociedade.
d)    Non aceptar ou renunciar, sen causa xusta, aos cargos para os que fora elixido pola asemblea xeral.
e)    Ter sido sancionado ou sancionada por tres faltas leves durante os últimos cinco anos.
3.3.- Son faltas societarias leves:
a)    A falta de asistencia non xustificada ás reunións validamente convocadas da asemblea xeral.
b)    A falta de asistencia non xustificada ás reunións dos órganos sociais para os que fora debidamente convocada, aínda que non forme parte dos mesmos.
c)    A non asistencia xustificada das persoas socias ás reunións debidamente convocadas de calquera órgano social.
d)    A falta de notificación ao órgano de administración do cambio de domicilio da persoa socia, dentro dos dous meses seguintes dende que tal circunstancia se produza.
e)    Non observar as instrucións ditadas polos órganos competentes para a boa orde e desenvolvemento das operacións e actividades da cooperativa.
4.- As faltas de carácter laboral clasifícanse en moi graves, graves e leves:
4.1.- Son faltas laborais moi graves:
a)    O fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como calquera conduta constitutiva de delito.
b)    A manifesta insubordinación individual ou colectiva, incluída a agresión verbal e física.
c)    O falseamento voluntario de datos e información do servizo.
d)    A falta de asistencia ao traballo non xustificada durante máis de tres días ao mes.
e)    As faltas reiteradas de puntualidade non xustificada, durante dez días ou máis ao mes, ou durante máis de vinte días ao trimestre.
f)    A ocultación de datos relevantes respecto dos útiles, ferramentas, proceso produtivo ou servizos.
4.2.- Son faltas laborais graves:
a)    Os malos tratos de palabra ou de obra a outras persoas socias traballadoras ou a outros asalariados ou asalariadas da cooperativa con ocasión da prestación do traballo.
b)    A falta de disciplina no traballo ou de respecto aos administradores e administradoras.
c)    O incumprimento das ordes e instrucións do órgano de administración e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servizo.
d)    A desconsideración co público no exercicio do traballo.
e)    O incumprimento das normas e medidas de seguridade e hixiene do traballo establecidas, cando do mesmo poidan derivarse riscos para a saúde e a integridade física das persoas socias traballadoras, doutros socios e socias traballadoras ou do persoal asalariado.
f)    A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada durante tres días ao mes.
g)    As faltas repetidas de puntualidade inxustificada durante máis de cinco días ao mes.
h)    O abandono do traballo sen causa xustificada.
i)    A simulación de enfermidade ou accidente.
j)    A diminución continua e voluntaria no rendemento normal do traballo.
k)    A utilización ou difusión indebida de datos ou asuntos dos que se teña coñecemento por razón do traballo na cooperativa.
4.3.- Son faltas laborais leves:
a)    A incorrección leve co público, con outras persoas socias traballadoras ou con asalariados e asalariadas da cooperativa.
b)    O atraso, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.
c)    Non comunicar coa debida antelación a falta de asistencia ao traballo por causa xustificada, a non ser que a persoa socia probe a imposibilidade de facelo.
d)    A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada durante un ou dous días ao mes. 
e)    As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, un ou dous días ao mes. 
f)    As faltas que se tipifiquen no regulamento interno, ou por acordo da asemblea xeral.

ARTIGO 15.- SANCIÓNS E PRESCRIPCIÓN

1.- As sancións que se poderán impoñer ás persoas socias pola comisión das faltas son:
- Por faltas moi graves: Multa de 250,00 EUROS a 1.000,00 EUROS, suspensión á persoa socia dos seus dereitos, ou expulsión.
- Por faltas graves: Multa de 100,00 EUROS a 250,00 EUROS, ou suspensión á persoa socia dos seus dereitos .
- Por faltas leves: Amoestación verbal ou escrita, ou multa de 50,00 EUROS a 100,00 EUROS
2.- A sanción de suspender á persoa socia nos seus dereitos só poderá ser imposta no suposto de que o socio ou socia estea ao descuberto das súas obrigas económicas coa cooperativa ou non participe nas actividades cooperativizadas nos termos establecidos nestes estatutos.
A suspensión dos dereitos á persoa socia, que finalizará no momento no que normalice a súa situación, non alcanzará ao dereito de información nin ao da asistencia á asemblea con voz pero sen voto, nin ás remuneracións dos xuros polas súas achegas ao capital social nin á actualización delas. 
3.- As faltas reflectidas no artigo anterior prescribirán se son leves ao mes, se son graves aos dous meses e se son moi graves aos tres meses, contados dende que o órgano de administración tivo coñecemento da comisión das mesmas. En todo caso, prescribirán aos doce meses da data da súa comisión.

ARTIGO 16.- ÓRGANO SANCIONADOR E PROCEDEMENTO

1.- A facultade sancionadora é competencia indelegable do órgano de administración, mediante expediente instruído ao efecto e audiencia do interesado ou interesada, que formalizará as súas alegacións por escrito.
2.- Nos supostos de sanción por falta de carácter societario, e sen prexuízo do seu carácter executivo, a persoa socia poderá recorrer no prazo de 30 días dende a súa notificación, ante a asemblea xeral.
O recurso ante a asemblea xeral deberá incluírse como primeiro punto da orde do día da primeira que se realice, e resolverase mediante votación secreta con audiencia previa do interesado ou interesada, podendo formalizarse esta mediante as súas alegacións por escrito.
O acordo de sanción ou, no seu caso, a ratificación do mesmo, poderá ser impugnado no prazo de dous meses dende a súa notificación ante a xurisdición ordinaria pola vía procesual establecida no artigo 40 da Lei de cooperativas de Galicia.
3.- Nos supostos de sanción por falta de carácter laboral, o acordo de sanción poderá impugnarse ante a asemblea xeral no prazo de 15 días desde a súa notificación.
A asemblea xeral resolverá no prazo de dous meses por votación secreta, e previa audiencia do interesado ou interesada. Se non recaese resolución expresa nos prazos establecidos, os recursos interpostos entenderanse estimados.
Desde que o acordo sexa executivo poderá instarse a súa revisión ante a xurisdición da orde social.

ARTIGO 17.- EXPULSIÓN

1.- A sanción de expulsión só poderá ser acordada polo órgano de administración por falta moi grave tipificada nos estatutos sociais, mediante expediente instruído ao efecto e con audiencia da persoa interesada, que formalizará as súas alegacións por escrito.
2.- Cando a causa de expulsión sexa o encontrarse a persoa socia en descuberto das súas obrigas económicas, non operarán os prazos de prescrición establecidos no artigo anterior, podendo acordarse a expulsión en calquera momento, salvo que o socio ou socia regularice a súa situación durante a tramitación do expediente.
3.- O procedemento sancionador axustarase ao establecido no artigo anterior, se ben o acordo de expulsión será executivo dende que sexa notificada a súa ratificación ou transcorra o prazo para recorrer. O acordo de expulsión poderá ser impugnado pola canle procesual establecida no artigo 40 da Lei de cooperativas de Galicia.
4.- Os acordos de expulsión derivados de faltas de carácter laboral unicamente poderán ser impugnados ante a asemblea xeral e, se ben será executivo cando sexa ratificado ou transcorrese o prazo para recorrer, a cooperativa poderá suspender á persoa socia no seu emprego, conservando esta todos os seus dereitos económicos. Se non recaese resolución expresa nos prazos establecidos os recursos interpostos entenderanse estimados.
Desde que o acordo sexa executivo poderá instarse a súa revisión ante a xurisdición da orde social, que tamén resolverá sobre a transcendencia económica do período de tramitación.

ARTIGO 18.- PERSOA SOCIA EXCEDENTE E EN PERÍODO DE EXCEDENCIA

1.- O órgano de administración da cooperativa poderá conceder a condición de persoa socia excedente a aqueles socios e socias que por causa xustificada deixen de selo, mediante solicitude dirixida a tal órgano social, que deberá resolver nun prazo máximo de dous meses. Transcorrido este prazo sen resolución expresa entenderase admitida a solicitude.
No caso de ser admitido na condición de persoa socia excedente, non poderán solicitar o reembolso das súas achegas ao capital social mentres permanezan en tal condición e non estarán obrigados a realizar novas achegas ao capital social.
Se a persoa socia excedente volvese a reunir as condicións e os requisitos para ser socio ou socia activa, poderá solicitalo do órgano de administración, quén autorizará de inmediato a recuperación de tal condición con todos os dereitos e obrigas inherentes a ela. En todo caso a súa baixa terá sempre a consideración de xustificada.
2.- As persoas socias terán dereito a un período de excedencia nos termos fixados polo regulamento de réxime interno ou por acordo da asemblea xeral, que non poderá ser superior a seis meses cando supoñan deixar a cooperativa cun número de persoas socias inferior a tres.
Os socios e socias en excedencia pasaran á situación prevista para as persoas socias excedentes, coa particularidade de que estarán obrigados a realizar novas achegas ao capital social.
No caso de excedencia forzosa, teñen dereito á reserva do seu posto de traballo, e a súa incorporación producirase nun prazo non superior a un mes dende o cesamento da causa que a motivou.
3.- As persoas socias excedentes e en período de excedencia rexeranse, ademais, polas seguintes normas: 
a)    Teñen dereito a recibir os xuros que acorde a asemblea xeral, que non poderán ser superiores ao legal do diñeiro, e ao reembolso das súas achegas nas mesmas condicións e prazos que para o resto dos socios e socias.
b)    Poderán utilizar os servizos da cooperativa en canto resulte legalmente compatible coa súa condición persoal.
c)    Non poderán formar parte dos órganos sociais, pero poderán participar na asemblea xeral, con voz e voto.

ARTIGO 19.- PERSOA SOCIA COLABORADORA

1.- Poderán ser socios e socias da cooperativa, en calidade de socios ou socias colaboradoras, aquelas persoas físicas o xurídicas, públicas ou privadas que, sen poder realizar plenamente o obxecto social da cooperativa, poidan colaborar na súa consecución.
2.- A achega obrigatoria mínima para ser persoa socia colaboradora, será de 50,00 euros, e a máxima, será a que acorde a asemblea xeral. Esta achega deberá desembolsarse na súa totalidade para adquirir a condición de socio ou socia colaboradora.
3.- Poden ser persoas socias colaboradoras as persoa físicas e xurídicas, que subscriban e desembolsen as achegas previstas e que queiran colaborar na consecución dos obxectivos da cooperativa.
4.- As persoas socias colaboradoras da cooperativa teñen os seguintes dereitos:
    a) Ser elector e elixible para os cargos dos órganos sociais da Sociedade.
    b) Presentar propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos nas reunións dos órganos sociais dos que forme parte.
    c) A recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
    d) Á actualización e devolución das achegas ao capital social, así como a percibir, no seu caso, xuros por elas que non poderán ser superiores ao legal do diñeiro.
    e) As persoas socias que aporten exclusivamente capital, percibirán, de ser o caso, o xuro que acorde a asemblea xeral, sen que poida ser inferior ao que perciban as demais persoas socias, nin superior ao xuro legal do diñeiro.
    f) Ao dereito de información nos termos establecidos no artigo 23 da Lei de cooperativas de Galicia.
    g) A todos os demais dereitos establecidos nas Leis, nestes estatutos sociais ou polos acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa. 
5.- Os socios e socias colaboradores teñen as seguintes obrigacións:
    a) Asistir ás reunións da asemblea xeral e dos demais órganos para os que fose convocado ou convocada.
    b) Non realizar actividades competitivas coas propias desenvoltas pola cooperativa salvo autorización expresa do órgano de administración. 
    c) Gardar secreto sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa que coa súa divulgación poidan prexudicar aos intereses da mesma.
    d) Desembolsar as súas achegas ao capital social nas condicións establecidas nos presentes estatutos. Así como desembolsar as cotas de ingreso acordadas, no seu caso, pola asemblea xeral.
    e) Aceptar os cargos para os que fosen elixidos ou elixidas, salvo xusta causa de escusa.
    f) Cumprir con calquera outro deber legal ou estatutario, así como cos acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.
6.- O réxime de baixa será o establecido para as persoas socias traballadoras nestes estatutos.
7.- O conxunto destes socios e socias, salvo que sexan sociedades cooperativas, non poderá superar un terzo de membros do órgano de administración, sen que en ningún caso poidan desempeñar os cargos da presidencia e vicepresidencia do mesmo.
8.- O número máximo persoas socias colaboradoras non excederá dun terzo do total de socios e socias da cooperativa.
9.- Tamén poderán ser socias colaboradoras aquelas cooperativas coas que se subscriba un acordo de colaboración intercooperativo.
10.- Os socios e socias colaboradoras non poderán desenvolver actividades cooperativizadas en competencia coas que desenvolva a Cooperativa.

ARTIGO 20.- RÉXIME DE PRESTACIÓN DO TRABALLO

1.- O Regulamento de réxime Interno regulará a organización básica do traballo, que fará referencia como mínimo á estrutura da empresa, clasificación profesional, mobilidade funcional e xeográfica, licenzas retribuídas e excedencias.
2.- Por proposta do órgano de administración, a asemblea xeral aprobará anualmente o calendario sociolaboral, que conterá como mínimo a duración da xornada de traballo, o descanso mínimo entre cada xornada e o descanso semanal, as festas e as vacacións anuais e as pausas, así como todo aquilo que coide necesario para a boa marcha da empresa. 
3.- O réxime de prestación de traballo posibilitará entre as persoas socias da cooperativa, a compatibilidade e a conciliación do seu exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes, e adoptará medidas que favorezan ás socias da cooperativa vítimas de violencia de xénero, en cumprimento das previsións establecidas na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro.
4.- Será aplicable, como dereito de contido mínimo necesario, a normativa laboral para o persoal traballador por conta allea.


ARTIGO 21.- SUSPENSIÓNS E BAIXA OBRIGATORIA POR CAUSAS ECONÓMICAS, TECNOLÓXICAS OU DE FORZA MAIOR

1.- Suspenderase temporalmente a obriga e o dereito da persoa socia traballadora a prestar o seu traballo na cooperativa, con perda dos dereitos e obrigas económicas derivadas de dita prestación, polas causas e de acordo co establecido na Lei de cooperativas de Galicia e nestes estatutos.
2.- Cando se produzan causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior que así o fagan necesario, poderase suspender temporalmente a prestación de traballo, coa perda dos dereitos e das obrigas económicas da dita prestación, conservando o resto.
A asemblea xeral deberá declarar a causa, a necesidade e o tempo de suspensión, designando nominalmente as persoas socias afectadas. Ao cesar a causa, a persoa socia recobrará plenamente todos os seus dereitos e obrigas.
3.- Cando a causa ou as causas obriguen a reducir con carácter definitivo o número de postos de traballo, seguirase o mesmo procedemento indicado no apartado anterior, cualificándose a baixa como xustificada, con dereito ao reembolso inmediato á persoa socia da súa achega ao capital social e con dereito preferente ao reingreso no prazo dos tres anos seguintes á baixa.
4.- No suposto de que as persoas socias que causen baixa obrigatoria sexan titulares das achegas de reembolso rexeitable e a cooperativa non acorde o reembolso inmediato destas, as persoas socias que permanezan na cooperativa deberán adquirir estas achegas no prazo máximo de seis meses a partir da data da baixa, nos termos que acorde a asemblea xeral.

ARTIGO 22.- SEGURIDADE SOCIAL

A cooperativa opta a efectos de desfrute dos beneficios da seguridade social dos seus socios e socias traballadoras polo réxime xeral, como asimiladas a persoas traballadoras por conta allea.

ARTIGO 23.- SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

1.- Seralle aplicable á cooperativa e aos seus socios e socias traballadoras a normativa sobre seguridade e saúde laboral.
2.-Os delegados e delegadas de prevención previstos na normativa de prevención de riscos laborais, serán elixidos polas persoas socias traballadoras da cooperativa e de entre elas. En caso de existir persoal asalariado na cooperativa, a designación realizarase conxuntamente entre ambos colectivos. Existirá como mínimo un delegado ou delegada de prevención, incrementándose este número nos termos previstos na devandita normativa.

CAPÍTULO III

Dos Órganos sociais

Sección Primeira

Da asemblea xeral

ARTIGO 24.- COMPOSICIÓN E CLASES
    
1.- A asemblea xeral, como órgano supremo de expresión da vontade social, é a reunión das persoas socias constituída co obxecto de deliberar sobre a política xeral da cooperativa e adoptar acordos sobre aqueles asuntos que, en virtude da Lei de cooperativas de Galicia ou destes estatutos, sexan da súa competencia, vinculando as súas decisións adoptadas validamente a todas as persoas socias da cooperativa.
2.- As asembleas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias.
3.- A asemblea xeral ordinaria ten por obxecto principal examinar a xestión social, aprobar, se procede, o plan empresarial e as contas anuais e resolver sobre a proposta de distribución de excedentes ou a imputación de perdas, e poderase incluír na orde do día da súa convocatoria calquera outro asunto propio da súa competencia. Todas as demais asembleas terán o carácter de extraordinarias.

ARTIGO 25.- COMPETENCIAS

1.- Corresponde en exclusiva á asemblea xeral a adopción dos seguintes acordos:
    a) A aprobación do plan empresarial da cooperativa, presentado polo consello reitor, que será o responsable da súa xestión e execución.
    b) O nomeamento e revogación, mediante votación secreta, das persoas integrantes dos órganos sociais, así como o exercicio da acción de responsabilidade contra elas.
    c) O nomeamento e a revogación da auditoría de contas.
    d) O exame da xestión social, a aprobación das contas anuais e a distribución de excedentes ou imputación de perdas.
    e) O establecemento de novas achegas obrigatorias ou voluntarias, a fixación de xuros que lles puidesen corresponder, e a actualización das mesmas.
    f) A emisión de obrigas, títulos participativos ou outros tipos de participacións que puideran establecerse ou de calquera outro título admitido en dereito.
    g) A aprobación ou modificación do regulamento de réxime interno da cooperativa.
    h) O establecemento ou modificación das cotas de ingreso e periódicas.
    i) A constitución de cooperativas de segundo grao e doutras formas de participación económica, así como a adhesión ou separación delas.
    j) A modificación dos estatutos.
    k) A fusión, escisión, transformación, disolución e liquidación da sociedade.
    l) A creación de seccións e a aprobación e modificación, no seu caso, dos seus regulamentos de réxime interno.
    m) A cesión ou alleamento da sociedade ou de parte dela, ou calquera outra decisión que supoña unha modificación substancial da estrutura económica, social, organizativa ou funcional dela.
    n) Todos os demais acordos nos que así o estableza a Lei ou os estatutos.
2.- A asemblea xeral poderá debater sobre cantos asuntos sexan de interese para a cooperativa, sempre que consten na orde do día, pero unicamente poderá adoptar acordos obrigatorios en materias ou asuntos que a Lei de cooperativas de Galicia non considere competencia exclusiva doutros órganos sociais.
3.- A competencia da asemblea xeral sobre aqueles asuntos e actos nos que o seu acordo é preceptivo por imperativo legal ten carácter indelegable.

ARTIGO 26.- CONVOCATORIA

1.- A asemblea xeral será convocada polo órgano de administración, que fixará a orde do día da convocatoria.
Cando un número de persoas socias que represente o 5% ou acade a cifra de 100, propoñan por escrito, con antelación á convocatoria dunha asemblea xeral, asuntos para introducir na orde do día desta, estes deberán ser incluídos polo órgano de administración na primeira que teña lugar. Non se poderán incorporar novos asuntos na orde do día unha vez convocada a asemblea.
2.- A asemblea xeral ordinaria será convocada dentro dos seis primeiros meses seguintes á data de pechamento do exercicio social. Se transcorre o dito prazo sen que tivese lugar a convocatoria, calquera persoa socia poderá requirir fidedignamente ao órgano de administración que proceda a efectuala. Se este non a convoca no prazo de quince días, contados desde a recepción do requirimento, calquera persoa socia poderá solicitarlla ao xulgado competente do domicilio social, que deberá convocala, designando quen a deba presidir. Neste caso producirase a destitución inmediata do órgano de administración, e procederase á súa nova elección.
3.- A asemblea xeral extraordinaria reunirase en calquera momento por iniciativa propia do órgano de administración ou por petición de persoas socias que representen polo menos o 20% do total de votos sociais ou 100 persoas socias, efectuada por medio dun requirimento fidedigno ao órgano de administración que inclúa a orde do día cos asuntos e coas propostas a debate. Se a asemblea xeral non fora convocada no prazo de trinta días, contados desde a recepción da solicitude, calquera persoa socia poderá solicitar convocatoria xudicial conforme o previsto no número anterior.

ARTIGO 27.- FORMA DA CONVOCATORIA 

1.- A asemblea xeral convocarase mediante anuncio exposto publicamente no domicilio social da cooperativa e en cada un dos centros nos que desenvolva a súa actividade, así como por medio de carta ao domicilio da persoa socia. 
A convocatoria farase pública cunha antelación mínima de 15 días no suposto de asembleas ordinarias e de 10 días no de extraordinarias, e cun máximo de dous meses á data de celebración da asemblea xeral.
2.- A convocatoria indicará polo menos, a data, hora e lugar de reunión, en primeira e segunda convocatoria, sendo o intervalo entre unha e outra de media hora, e expresará con claridade, precisión e suficiente detalle os asuntos que compoñen a orde do día, así como a documentación relativa a ela, que poderá examinarse no domicilio social da cooperativa.

ARTIGO 28.-CONSTITUCIÓN E FUNCIONAMENTO DA ASEMBLEA

1.- A asemblea xeral, salvo que teña o carácter de universal, celebrarase na localidade onde radica o domicilio social da cooperativa ou en Santiago de Compostela cando o decida o órgano de administración da cooperativa por ser o lugar máis preto do domicilio da maioría de cooperativistas.
2.- A asemblea quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes e representados a maioría dos votos sociais, e en segunda cando estean presentes e representados como mínimo o 10 por 100 dos votos ou 100 votos.
Serve acadar estes quórums ao comezo da sesión para que a presidencia a declare validamente constituída.
3.- Terán dereito a asistir á asemblea xeral aquelas persoas socias que o sexan na data de realización daquela.
As persoas socias poderán asistir por medios telemáticos que garantan debidamente a súa identidade. Na convocatoria determinaranse os prazos, as formas e os modos de exercicio dos dereitos por aqueles que asistan telematicamente á asemblea.
4.- Presidirá a asemblea xeral a presidencia do consello reitor, e na súa ausencia a vicepresidencia do mesmo órgano e, en defecto de ambos, quen elixa a asemblea xeral de entre as persoas socias presentes.
5.- A secretaría da asemblea xeral será quen exerza tal función no consello reitor, e no seu defecto quen acorde a asemblea de entre as persoas socias presentes na mesma.
6.- Cando na orde do día figuren asuntos que afecten directamente á presidencia ou á secretaría da asemblea, esta virá obrigada a elixir de entre as persoas socias presentes ás persoas que as substitúan en tal función.
7.- As votacións serán secretas nos supostos establecidos nos presentes estatutos ou na Lei de cooperativas de Galicia, ademais naqueles en que, a solicitude de calquera persoa socia, o acorden mediante votación o 10% dos votos sociais presentes e representados na asemblea.
8.- Serán nulos os acordos sobre asuntos que non consten na orde do día, salvo o de convocar unha nova asemblea xeral, prorrogar a sesión, destituír ou revogar a calquera membro dos órganos sociais, conforme ao establecido no artigo 45, apartado 3, da Lei de cooperativas de Galicia, e acordar o exercicio da acción de responsabilidade contra as persoas que formen parte de tales órganos, así como solicitar auditoría externa da sociedade.
9.- A asemblea xeral ou o órgano de administración poderá autorizar a asistencia sen dereito a voto, de persoas das que a súa presenza resulte de interese para o bo funcionamento da cooperativa.
10.- O órgano de administración poderá requirir a presenza de notario ou notaria para que levante acta da asemblea xeral, que terá o carácter de acta única da mesma, e estará obrigado a facelo sempre que, con cinco días de antelación ao previsto para a súa celebración, o soliciten como mínimo o 10 por 100 das persoas socias ou 100 votos sociais. Os honorarios serán por conta da cooperativa.
En todo caso, calquera socio poderá esixir a presenza de notario ou notaria na asemblea para dar fe do que alí ocorra, e non terá outra eficacia que a derivada do propio instrumento público e os seus honorarios serán satisfeitos por quen requirise a súa presenza.

ARTIGO 29.- DEREITO DE VOTO

1.- Cada persoa socia ten dereito a un voto. En ningún caso existirá voto dirimente ou de calidade. 
2.- O conxunto total dos votos das persoas socias excedentes, colaboradoras e a proba, non poderá superar mais dun terzo dos votos sociais da cooperativa.
3.- Cando a asemblea delibere e acorde sobre expedientes disciplinarios, a persoa socia afectada por dito expediente deberá absterse de votar, así como para o caso de conflito de intereses entre a persoa socia e a cooperativa, dos relacionados no artigo 49 da Lei de cooperativas de Galicia.
4.- Os socios e socias poderán facerse representar por outras persoas socias, polo seu cónxuxe, ou polos seus parentes ata o terceiro grao de consanguinidade ou segundo por afinidade, con plena capacidade de obrar, autorizándoas por escrito autógrafo ou poder especial subscrito polo representado ou representada para cada asemblea, verificada tal representación polo presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria da asemblea .
Ningunha persoa socia poderá ter máis de dúas representacións, ademais da súa. A representación conferida entenderase revogada se o socio ou socia asiste á asemblea xeral para a que concedeu a representación.

 ARTIGO 30.- ADOPCIÓN DE ACORDOS

1.- Os acordos da asemblea xeral, salvo nos supostos establecidos nestes estatutos ou na Lei de cooperativas de Galicia, serán adoptados por máis da metade dos votos validamente expresados, non sendo computables a estes efectos nin os votos en branco nin as abstencións.
A mesma maioría requirirase para acordar a imposición de novas achegas obrigatorias ao capital social e o establecemento ou modificación de cotas de ingreso ou periódicas.
2.- Requirirase a maioría de dous terzos dos votos presentes e representados para a adopción de acordos sobre modificación de estatutos, fusión, escisión, transformación, disolución e reactivación da sociedade.
3.- Os acordos adoptados pola asemblea xeral producirán os efectos que lle son propios dende o momento da súa adopción.

ARTIGO 31.-IMPUGNACIÓN DE ACORDOS DA ASEMBLEA XERAL

1.- Os acordos da asemblea xeral que sexan contrarios á Lei, se opoñan a estes estatutos ou lesionen en beneficio dunha ou máis persoas socias, ou de terceiras persoas, os intereses da cooperativa, poderán ser impugnados segundo as normas establecidas no artigo 40 da Lei de cooperativas de Galicia.
2.- As persoas integrantes do órgano de administración están obrigados a exercer as accións de impugnación contra os acordos sociais, cando sexan contrarios á Lei ou se opoñan aos estatutos.
3.- Para o exercicio de accións de impugnación de acordos anulables están lexitimadas as persoas socias que asistiron á asemblea que fixesen constar na acta a súa oposición ao acordo adoptado ou o seu voto en contra do mesmo, as persoas socias ausentes e as que fosen ilexitimamente privadas de emitir o seu voto.
Para o exercicio de accións de impugnación de acordos nulos están lexitimadas todas as persoas socias e as terceiras persoas que acrediten interese lexítimo.
4.- A acción de impugnación de acordos nulos caducará polo transcurso dun ano, dende a data de adopción do acordo ou dende a súa inscrición no rexistro de cooperativas. A acción de impugnación de acordos anulables caducará transcorrido un mes, dende a súa adopción ou inscrición.


Sección Segunda

Dos órganos da cooperativa

ARTIGO 32.- NATUREZA E COMPETENCIAS 

1.- O consello reitor é o órgano de goberno, xestión e representación da cooperativa, con suxeición á Lei, aos estatutos e á política xeral fixada pola asemblea xeral, sen prexuízo do establecido a este respecto no artigo 31, apartado 2, da Lei de cooperativas de Galicia, exercendo, ademais, todas aquelas facultades que non lle estean reservadas por tal Lei ou polos estatutos a outro órgano social.
2.- A representación atribuída ao órgano de administración estenderase en xuízo e fóra del a todos os asuntos concernentes á cooperativa. Calquera limitación ás súas facultades establecida nos estatutos non poderá facerse valer fronte a terceiras persoas.
3.- O presidente ou presidenta do consello reitor, que o será tamén da cooperativa, terá a representación legal dela, sen prexuízo de incorrer en responsabilidade se a súa actuación non se axusta aos acordos da asemblea xeral ou do propio consello reitor.
4.- Coa excepción das facultades que, por disposición legal ou estatutaria, sexan indelegables dos órganos sociais, o órgano de administración poderá conferir apoderamentos xerais ou singulares, así como proceder á súa revogación, a calquera persoa física, cuxas facultades representativas, de xestión e/ou de dirección, referidas ao xiro e tráfico ordinario da cooperativa, serán as outorgadas na escritura pública de poder, que deberá ser inscrita no correspondente rexistro de cooperativas. 

ARTIGO 33.- COMPOSICIÓN

1.- O consello reitor está composto por un mínimo de 5 e un máximo de 9 membros titulares. 
2.- Os cargos do consello reitor son: presidencia, vicepresidencia, secretaría, o resto serán vogais numerados de 1 ata 6.

Nomearanse tamén 2 suplentes.


ARTIGO 34.- ELECCIÓN
 
1.- O consello reitor e máis as persoas suplentes serán elixidos pola asemblea xeral de entre as persoas socias, en votación secreta, polo maior número de votos.
2.-Procurarase unha representación equilibrada de mulleres e homes na composición do consello reitor, posibilitando ás persoas que o integran a compatibilidade e a conciliación do seu exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes.
3.- a distribución dos cargos, incluída a presidencia e a vicepresidencia, será realizada polo propio consello reitor, na primeira sesión, que necesariamente se celebrará nos sete días seguintes a contar dende a data de celebración da asemblea xeral. Desta determinación de cargos, darase publicidade ao resto das persoas socias da cooperativa, mediante carta ao seu domicilio e mediante a publicación no taboleiro de anuncios da cooperativa e mediante correo electrónico a cada socio.

Se a persoa elixida é unha persoa xurídica, esta deberá nomear á persoa física que, vinculada por calquera título a esta, a represente no cargo para o que fose designada para cada elección.
                                        

ARTIGO 35.- DURACIÓN, CESAMENTO E VACANTES

1.- As persoas integrantes do consello reitor serán elixidas por un período de seis anos, renovándose simultaneamente na súa totalidade ao vencemento do prazo, podendo ser reelixidas.
2.- A renuncia dos conselleiros e conselleiras poderá ser aceptada polo consello reitor, así como pola asemblea xeral aínda que o asunto non conste na orde do día. Tanto nun suposto como noutro, deberá procederse no mesmo acto de aceptación da renuncia, ao nomeamento dos seus substitutos ou substitutas, que será cuberto pola persoa suplente 1ª e sucesivamente polo resto de persoas suplentes por orde de numeración se existisen máis renuncias. A persoa suplente ostentará e cubrirá o cargo polo mesmo tempo que lle restaba a persoa renunciante.
3.- A asemblea xeral poderá destituír dos seus cargos ás persoas integrantes do consello reitor en calquera momento, aínda que o asunto non conste na orde do día, por acordo de máis da metade dos votos totais da cooperativa. Se o asunto constase na orde do día bastará o acordo favorable da maioría dos votos presentes e representados.
4.-Vacante o cargo de presidente ou presidenta substituirao nas funcións o vicepresidente ou vicepresidenta ata que se cubra dito cargo.
5.- Resultará de aplicación o disposto no artigo 45 da Lei de cooperativas de Galicia, no que non estea establecido neste artigo.


ARTIGO 36.- FUNCIONAMENTO DO CONSELLO REITOR

1.- A reunión do consello reitor deberá ser convocada polo presidente ou presidenta, ou quen a substitúa, por iniciativa propia ou por petición de calquera conselleiro ou conselleira. Se a solicitude non fora atendida no prazo de 10 días poderá ser convocada por quen fixese a petición, sempre que logre para a súa convocatoria a adhesión como mínimo dun terzo do consello.
2.-Poderá convocarse á reunión, sen dereito a voto, ao letrado asesor ou letrada asesora e ao persoal técnico da sociedade, así como a outras persoas sempre e cando a súa presenza resulte de interese para o bo funcionamento da cooperativa.
3.- O consello quedará validamente constituído cando concorran persoalmente á reunión máis da metade das persoas que o compoñen. As persoas conselleiras non poden facerse representar.
4.- Os acordos adoptaranse por máis da metade dos votos validamente expresados, salvo nos supostos establecidos na Lei de cooperativas de Galicia. Para acordar os asuntos que deban incluírse na orde do día da asemblea xeral será suficiente o voto favorable dun terzo das persoas que compoñen o consello.
Cada persoa conselleira terá un voto. O voto do presidente ou presidenta dirimirá os empates.

ARTIGO 37.- REMUNERACIÓN

O desempeño dos cargos polas persoas integrantes do órgano de administración terá carácter gratuíto e non remunerado, sen prexuízo das compensacións económicas procedentes polos gastos nos que poidan incorrer no desempeño das súas funcións, salvo os de asistencia ás asembleas xerais.

ARTIGO 38.- INCAPACIDADES E INCOMPATIBILIDADES

1.- No réxime de incapacidades e incompatibilidades estarase ao disposto no artigo 48 da Lei de cooperativas de Galicia.
2.- Son incompatibles entre si os cargos do órgano de administración. Non obstante, serán compatibles con ascendentes, descendentes e afíns, sen distinción de grao, e cónxuxe.

ARTIGO 39.- RESPONSABILIDADE DAS PERSOAS INTEGRANTES DO ÓRGANO DE ADMINISTRACIÓN

1. As persoas integrantes do órgano de administración actuarán coa dilixencia debida e con lealdade á representación e responsabilidade que ostentan. Responderán solidariamente fronte á cooperativa, ás persoas socias e terceiras persoas do dano causado por actos contrarios á Lei ou aos estatutos, e polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. Estarán exentas de responsabilidade as persoas conselleiras que salvasen expresamente o seu voto nos acordos que causasen dano, e as ausentes que fixesen constar a súa oposición mediante documento fidedigno dirixido ao órgano de administración nos 30 días seguintes ao da adopción de tal acordo.
As persoas conselleiras deberán gardar secreto sobre aqueles asuntos que teñan carácter confidencial, aínda despois de cesar nas súas funcións.
2.- Non exonerará de responsabilidade o feito de que o acto ou acordo lesivo fose adoptado, autorizado ou ratificado pola asemblea xeral.

ARTIGO 40.- ACCIÓNS DE RESPONSABILIDADE

A acción de responsabilidade contra as persoas integrantes do órgano de administración poderá ser exercida pola cooperativa mediante acordo da asemblea xeral adoptado por máis da metade dos votos presentes e representados, aínda que o asunto non conste na orde do día.
Será de aplicación en todo o relacionado coa acción de responsabilidade, o establecido no artigo 51 da Lei de cooperativas de Galicia.

ARTIGO 41.- IMPUGNACIÓN DE ACORDOS DO ÓRGANO DE ADMINISTRACIÓN

1.- Os acordos do órgano de administración que sexan contrarios á Lei ou aos estatutos, que vulneren os dereitos da persoa socia ou que lesionen en beneficio dun a varios socios e socias ou de terceiras persoas os intereses da cooperativa, poderán ser impugnados.
A efectos da posibilidade de impugnación, os acordos das persoas conselleiras delegadas, se existisen, entenderanse adoptados polo órgano de administración.

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro