ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN

Estatutos Asociación Músicos ao Vivo

imaxe do usuario Manuel Antonio Alonso Iglesias
14 Agosto 2018

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN MÚSICOS AO VIVO


CAPÍTULO 1: DENOMINACIÓN, FINS,  ENDEREZO E ÁMBITO
-    Artigo 1:  Coa denominación de ASOCIACIÓN DE MÚSICOS AO VIVO, constitúese unha entidade ao amparo da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.
-    Artigo 2: esta asociación constitúese por tempo indefinido.
-    Artigo 3: a existencia desta asociación ten como fin: dotar aos músicos que tocan en directo dun lugar de encontro para eles.
-    Artigo 4: para o cumprimento destes fins realizaranse as seguintes actividades: reunións e encontros, ademáis de xornadas formativas e outros eventos.
-    Artigo 5: a  asociación establece o seu enderezo social en Alcabre Viña Grande, 5 – Vigo (Pontevedra), e o seu ámbito territorial no que principalmente vai realizar as súas actividades é todo o territorio de Galicia, pero sempre aberto a calquera ámbito territorial.

CAPITULO II:  ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN
-Artigo 6: a asociación será xestionada e representada por unha xunta directiva formada por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e de dous a cinco vogais. Todos os cargos que compoñen a xunta directiva serán gratuítos, estes serán designados e revogados pola asemblea xeral ordinaria ou extraordinaria e o seu mandato terá duración dun ano.
-Artigo 7: estes poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tivesen encomendadas e por a expiración do mandato.
-Artigo 8: os membros de Xunta Directiva que houbesen esgotado o prazo para o cal foron elixidos, continuarán ostentando os seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación dos que os substitúan.
-Artigo 9: a Xunta Directiva reunirase cantas veces o determine o seu presidente e a iniciativa ou petición dalgún dos seus membros. Quedará constituída cando asista a metade mais un dos seus membros, e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. En caso de empate, o voto do presidente será de calidade.
-Artigo 10: facultades da Xunta Directiva: estenderanse con carácter xeral a todos os actos propios dos fins da asociación, sempre que non requiran, segundo estes estatutos, de autorización expresa da Asemblea Xeral.
Son facultades particulares da xunta directiva:
a)    Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.
b)    Executar os acordos da Asemblea xeral.
c)    Formular e someter á aprobación da Asemblea xeral os balances e as contas anuais
d)    Resolver sobre a admisión de novos asociados-
e)    Nomear delegados para algunha determinada actividade da asociación.
f)    Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea xeral de socios.            
                                                                                                                           
-Artigo 11: o presidente terá as seguintes atribucións: representar legalmente á asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados; convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións dunha e doutra; ordenar pagamentos e autorizar coa súa sinatura documentos, actas e correspondencia; adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da asociación aconselle ou que no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.
-Artigo 12: o vicepresidente substituirá ao presidente en ausencia deste, por mor de enfermidade ou calquera outra causa, e terá as mesmas atribucións.
-Artigo 13: o secretario terá ao seu cargo a dirección dos traballos puramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os libros da asociación que sexan legalmente establecidos e o ficheiro de asociados, e custodiará a documentación da entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles aos rexistros correspondentes, así como a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigas que en termos legais correspondan.
-Artigo 14: o tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente.
-Artigo 15: os vogais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así como as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta lles encomende.
-Artigo 16: as vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera membro da Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente entre ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral Extraordinaria.
-Artigo 16bis: As funcións do secretario e tesoureiro poderán ser delegadas nunha persoa contratada para tal efecto.

CAPÍTULO III:  ASEMBLEA XERAL
- Artigo 17: a Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e estará integrada por todos os seus asociados.
- Artigo 18: as reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. As ordinarias celebraranse unha vez ó ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio; as extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo do presidente, cando a directiva o acorde ou cando o propoñan por escrito unha décima parte dos asociados.
- Artigo 19: as convocatorias das asembleas xerais realizaranse por escrito expresando o lugar, data e hora da reunión así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da asemblea en primeira convocatoria haberán de mediar polo menos quince días, podendo así mesmo facerse constar, se procedera, a data e hora na que se reunirá a asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a unha hora. Serán válidos os medios electrónicos, informáticos e telemáticos para a realización das convocatorias.
- Artigo 20: as asembleas xerais, tanto ordinarias coma extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela un terzo dos asociados con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto.
Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen ós negativos, non sendo computables a ditos efectos os votos en branco ou as abstencións.
Será necesario maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas, para:
a)    Nomeamento das xuntas directivas e administradores.
b)    Acordo para constituír unha federación de asociacións ou integrarse nelas.
c)    Disposición ou alleamento de bens integrantes do inmobilizado.
d)    Modificación de estatutos
e)    Disolución da entidade.
-Artigo 21: son facultades da Asemblea Xeral ordinaria:
a)    Aprobar, no seu caso, a xestión da Xunta directiva.
b)    Examinar e aprobar as contas anuais.
c)    Aprobar ou rexeitar as propostas da Xunta Directiva en orde ás actividades da asociación.
d)    Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias.
e)    Calquera outra que non sexa competencia exclusiva da Asemblea Extraordinaria.
f)    Acordar a remuneración, no seu caso, dos membros dos órganos de representación.
-Artigo 22: corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:
a)    Nomeamento dos membros da Xunta Directiva
b)    Modificación dos estatutos.
c)    Disolución da asociación
d)    Expulsión de socios, a proposta da Xunta Directiva.
e)    Constitución de federacións ou integración nelas.
f)    Calquera das facultades da Asemblea Xeral Ordinaria.


CAPÍTULO IV: SOCIOS
-Artigo 23: poderán pertencer á asociación aquelas persoas con capacidade de obrar que teñan interese no desenvolvemento dos fins da asociación.                                                                                                                                                      
-Artigo 24: Dentro da asociación existirán as seguintes clases de socios:

a)    Socios fundadores, que serán aqueles que participen no acto de constitución da asociación.
b)    Socios de número, que serán aqueles que ingresen despois da constitución da asociación.
c)    Socios de honor, os que polo seu prestixio ou por contribuír de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da asociación, se fagan acredores de tal distinción. O nomeamento dos socios de honor corresponderá á Xunta Directiva ou á Asemblea Xeral.

-Artigo 25: os socios causarán baixa por algunha das seguintes causas:

a)    Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.
b)    Por incumprimento das obrigas económicas, si deixara de satisfacer unha cota periódica.

-Artigo 26: Os socios de número e fundadores terán os seguintes dereitos:
a)    Tomar parte en cantas actividades organice a asociación en cumprimento dos seus fins.
b)    Participar nas asembleas con voz e voto.
c)    Ser electores e elixidos para os cargos directivos.
d)    Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da asociación.
e)    Facer suxerencias aos membros da Xunta Directiva en orde ao mellor cumprimento dos fins da Asociación.

-Artigo 27: os socios fundadores e de número terán as seguintes obrigas:
a)    Cumprir os presentes estatutos e os acordos válidos das asembleas e da Xunta Directiva.
b)    Aboar as cotas que se fixen.
c)    Desempeñar, no seu caso, as obrigas inherentes ó cargo que ocupen.
-Artigo 28: os socios de honor terán as mesmas obrigas que os fundadores e de número agás as previstas nos apartados b) e c) do artigo anterior.
Así mesmo, terán os mesmos dereitos a excepción dos que figuran no apartado b) e c) do artigo 26, podendo asistir ás asembleas sen dereito a voto.
-Artigo 29: os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da asociación serán os seguintes:
a)    As cotas de socios, periódicas ou extraordinarias.
b)    As subvencións, legados ou herdanzas que puideran recibir de forma legal por parte dos asociados ou de terceiras persoas.
c)    Calquera outro recurso lícito.
-Artigo 30: a Asociación no momento da súa constitución carece de fondo social.
-Artigo 31: o exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de Decembro de cada ano.


CAPÍTULO V: DISOLUCIÓN
-Artigo 32: disolverase voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto, por unha maioría de dous terzos dos asociados.
-Artigo 33: en caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora, a cal, unha vez extintas as débedas, e se existise sobrante líquido destinarao para fins que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa. ( concretamente a outra entidade con fins non lucrativos)

DISPOSICION ADICIONAL
En todo canto non estea previsto nos presentes estatutos aplicarase a vixente lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e as disposicións complementarias.

DILIXENCIA FINAL
Estes estatutos foron modificados en Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada en Santiago de Compostela o 24 de xaneiro de 2016, co obxecto de poder atender mellor aos obxectivos da asociación, sempre  respectando os requisitos establecidos na Lei orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, seguindo o procedemento previsto no  Real decreto 949/2015 de 23 de outubro polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

En Santiago de Compostela a 24 de xaneiro de 2016.


 

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro