Ordear por:

Data / Categoría

Ás veces resulta moi complicado saber que pintamos os músicos nesta nosa sociedade. A semana pasada, Galicia sufriu un shock mediático tralo accidente do tren en Compostela. Unha traxedia desta magnitude deixa a todo o mundo co paso cambiado. Obrigatoriamente hai que seguir tirando para adiante, aínda que resulte inevitable manter a nosa mirada de esguello ó que aconteceu. Dende Músicos ao Vivo, o noso máis sincero apoio ás familias e ó persoal que axudou a minimizar os efectos dunha catástrofe así.

Con respecto á Música, as autoridades decidiron que resulta claramente incompatible co loito. E forzaron que durante sete días, Galicia enteira sentira que non era momento para festas e celebracións. Festa... A iso queda reducido a música? O sector musical, tratado como industria cando convén, e como cultura cando non, sufriu unha serie de cancelacións en cadea facendo perder a un sector fundamentalmente estival, unha cantidade inxente de ingresos na última semana do mes de xullo. A Música está de loito e os centros comerciais non, nin os medios de comunicación, nin os transportes,  nin tantos e tantos sectores... por que? Acaso a música non fai comunidade, non axuda a reforzar os vínculos entre as persoas? Precisamente cando máis necesario é. Acaso a música só ten sentido cando hai festa? Teñen que decidir @s nos@s gobernantes cando e como ten que soar a música? Como diciamos, ás veces resulta moi complicado saber que pintamos os músicos nesta sociedade, tamén en momentos coma este.

O proxecto dos Premios Galegos da Música segue adiante a toda vela. Despois de moitos meses de traballo, podemos anunciar que xa temos presenza 2.0. Co obxectivo de ter toda a maquinaria mediática ben engraxada para o 16 de Setembro, data de saída  para a inscrición de candidaturas, comezamos a campaña de comunicación para infiltrármonos en todas as redes, en todas as webs, en todos os recunchos mediáticos para que ninguén se perda a gran festa da música galega. Público, músicos, soci@s, empresas, administracións, patrocinadores, medios... Todos formamos parte dos Premios Galegos da Música, e depende de tod@s nós que a pegada desta primeira edición sexa inesquecible. Por iso, dende xa, engánchate ó perfil de Facebook e á conta de Twitter dos Premios Galegos da Música. En breve, atoparémonos en www.premiosgalegosdamusica.com. E, coma sempre, axuda a difundir!!!

-¿Como empezaches na música?

Empecei aos 10 no conservatorio e despois de tres anos de estudos dinme conta de que ese camiño non era o meu, así que deixei a música e a guitarra ata os 19 anos nos que a retomei. Posteriormente lanceime a facer un concerto enteiro aos 23 anos, todo de MPB ou Musica Popular Brasileira, que e co que me sentía mais identificado naquela época.

A partir de aí comecei a compoñer e, aos poucos, fun introducindo temas meus nos concertos.

 -Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.

Eu penso que despois de facer moitos concertos tocando versións, tiña moita vontade de facer un disco propio, parecíame importante sacar á luz o material que fora compoñendo aos poucos e tamén sabía que quería traballar dun xeito autodidacta. Despois de parir o meu propio traballo co primeiro disco "Nai" e o segundo "Magnetico Zen", xa cubrín unha necesidade de facer o meu e nesta última etapa da miña carreira, comecei a compartir e facer cancións con outros autores músicos e/ou tamén colaborar en outros proxectos diferentes. Nestes intres estou cun proxecto común con outros cantautores da península e tamén estou presentando o meu novo espectáculo Novas, que penso que será o xermolo dun novo Cd.

 -Acabas de recibir o premio o mellor álbum en lingua galega “V Premios de la Música Independiente” polo teu traballo Magnetico zen. Falanos de este disco, e da experiencia dos premios.

 Magnético Zen e un disco moi laborioso. Nel hai uns 20 músicos que aparecen e tamén hai moitas horas de traballo investidas. Foi ideado a partir do 2010 e aparecen temáticas moi actuais como a da crise que estamos a vivir.

Hai cancións miñas e tamén comparto autoría dalgunha canción e músicas cos meus compañeiros Sergio Tannus, Xabier Olite e Álvaro Trillo (O quinto compoñente da banda base desde disco e Carlos Freire).

Penso que aínda habendo unha dramaturxia ou unha liña central no disco, tamén hai diversidade encanto ao estilo musical e á temática das letras e que cada canción respira por si mesma, que é algo que eu aprecio moito nos discos que escoito.

 A entrega de premios a vivín con algúns nervios, porque é o primeiro premio estatal ao que estou nomeado e sempre impón un teatro como o Novo Alcalá cheo. Leo Bassi foi o condutor da gala e loxicamente tivo moita chispa e vitalidade (cousa bastante necesaria porque foron moitos nomeamentos e podíase ter feito moi aburrido).

 - ¿Cales son as túas influencias musicais?

Escoito de todo porque de todo se aprenden cousas. Mais tento aprender sobre todo de cancións que foron feitas dende a calidade, dende a xenialidade, dende unha proposta arriscada conceptual ou dende o corazón. O que menos habitúo escoitar é a música comercial, porque penso que nos limita no criterio porque o seu criterio responde a unha homoxeneidade e a unha cultura uniforme. A min, sobre todo, atráeme a diversidade e o que me sorprenda e me emocione... e se encima hai calidade e contido ou interese no que se conta, entón fágome un fiel fan dese artista.

 -¿Como ves a  situación da música actual en Galicia?

Vexo moita calidade artística, moitas e moitos artistas e compañeir@s a quen admiro facendo cousas realmente interesantes cun alto grado de profesionalidade; pero tamén vexo as dificultades e que hai que traballar de xeito artesanal e aos poucos, debido aos reducidos medios e apoios. Crear con calidade no eido musical custa cartos e tempo e por iso ás veces incluso hai que quedarse curtos ou a medias nas propostas..

Existe un público comprometido que gusta do que facemos e que compra os nosos cd´s cando os podería piratear perfectamente e iso soa a apoio e é de agradecer; no entanto, non sinto un apoio xeral e contundente das institucións en canto á creación e á difusión da nosa música e vexo unha industria cultural galega que coa crise e a subida do IVE, cada vez se precariza máis.

 -¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Moi ben e moi necesario. A unión fai a forza e tamén fai que un se sinta menos só. Oxalá que no futuro esta asociación vaia a máis e se camiñe para profesionalizar o sector.

 -¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

Eu penso que hai que destinar recursos para a creación, para a difusión e a visibilización dos proxectos orixinais e novos, para que a xente nova poida soñar, para que as ideas frescas poidan coexistir co que xa hai, que ao mellor ten moita calidade, mais que seguro mellorará se convive co novo.

Estaría moi ben que se puidera rexenerar e renovar constantemente o noso panorama musical, sería un sinal de que algo se move, de que a cultura está viva e aprende dos seus erros. Sei que moitas veces non se aposta por algo novidoso porque non é seguro, pero ao mesmo tempo, penso que indo só ao seguro, a arte morre e ademais nos podemos perder moitas sorpresas do que podería ser o futuro da música.

 -Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

A ver, por experiencia persoal, voume acordar e falar das miñas e os meus compañeiros cantautores, algúns amig@s e outr@s a quen non coñezo de primeira man pero que tamén traballan moito coa súa particular visión e proposta artística pola música de autor en galego.

 Penso que o temos difícil na nosa terra. Non hai un espazo sólido para nós aínda: non existen circuítos específicos para os cantautores e cantautoras galegas, non temos unha especial cobertura mediática e penso que pode ser tamén unha razón para que non haxa tampouco un gusto masivo do público por escoitar aos artistas que fan as súas propias cancións e procuran con moito traballo a súa propia personalidade e estilo.

Non obstante, latexa un enorme potencial e temos moi boas cancións feitas con moito corazón. Tamén se respira un certo gusto do público polo que facemos, mais como digo, ao non ter moita difusión nin medios, non podemos competir por exemplo con cadeas nacionais ou internacionais, cos grupos e hits dos 40 principais ou da MTV..

Eu vexo moito traballo, ganas e calidade nos meus compañeiros e nas miñas compañeiras e os admiro por seguir loitando nun medio non facilitador..

Entón, máis que unha queixa, eu lanzaría unha pregunta ao ar: Se a cousa non funciona como nos gustaría: que é o que está a fallar aquí?... nós os artistas?, o público?, a industria?, os festivais?, o apoio institucional?... o deixo aquí para que cada un tire as súas propias conclusións. É unha reflexión que nos temos que facer todos e todas...

Persoalmente, eu si apuntaría a un problema de base que é que dende logo, sen apoio institucional é moi difícil reverter a situación. Porque o privado xa habitúa a pensar  cun criterio puramente capitalista e o bo que ten o institucional ou o público é que pódese permitir non pensar así... O problema é que neste contexto de crise, eu vexo que o institucional tamén está pensando capitalista, pensa no aforro e no diñeiro rápido e iso mata o puramente artístico, a diversidade e a creatividade das propostas ou mesmo as deprecia.

Hoxe en día xa hai moitos produtos de consumo fácil e rápido, mais tamén hai outras propostas mais ambiciosas artisticamente, que precisan dun tempo de cocción e loxicamente non van encher os auditorios nin as prazas xa mesmo ou non van a ter un resultado visible á primeira.

A min paréceme que o esforzo institucional na cultura si pode en certa medida estar encamiñado a darlle á xente o que xa coñece e lle gusta, pero tamén debería facer un esforzo e procurar seducir ao público para que probe outros pratos mais alá do que lle ofrecen sempre ou que está acostumado a degustar, porque penso que a xente levaría gratas sorpresas..

Vou poñer un exemplo: en Galicia hoxe en día non é nada fácil ver danza contemporánea, sabemos que non é un arte de consumo masivo, mais fai anos podíamos ver en Compostela, ao chegar o verán, o festival "En Pe de Pedra"; un festival gratuíto que saía ás rúas e aos espazos públicos, ao cal asistíamos os que somos moi afeccionados á danza contemporánea e tamén os turistas e os paisanos e paisanas que pasaban por alí e podían catar iso novo que nunca viran..

Era ben bonito ver aos bailaríns e bailarinas encher as rúas, as prazas, os xardíns, as fontes, as escaleiras... Era como encher de vida a cidade. Eu boto moito en falta este festival, e non estou familiarizado coas cifras do mesmo, mais penso que sen un apoio institucional, ese festival é moi difícil que teña lugar e ata posiblemente sería deficitario polo seu carácter gratuíto.

Pero eu sinto que tiña un servizo á comunidade moi importante, levaba a beleza da humanidade ata as rúas, facía sentir ben, facía pensar, facía compartir, rir ou chorar, era un regalo para os sentidos e era gratuíto...; un beneficio per se, dificilmente medible nun balance de contas. Sei que soa a utopía, pero penso firmemente que este é o camiño que ten que seguir a cultura porque saír do coñecido é a esencia do crecemento humano.

Anunciabamos hai un mes, que Músicos ao Vivo e a CRTVG viñan de activar unha nova vía para que @s músicos galeg@s completasen o arquivo da CRTVG co material audiovisual propio. Entendemos por material audiovisual propio, os videoclips, gravacións de directos, etc... Xa van chegando pouco a pouco material dos grupos, pero queremos asolagar o arquivo da TVG con vídeos, concertos, e material promocional. Debemos aproveitar esta oportunidade para facer uso dos medios públicos. Axudemos a difundir a nova. Para facer chegar os arquivos audiovisuais habilitamos este novo mail arquivo@musicosaovivo.com, ó cal haberá que enviar os vídeos a través de wetransfer, dropbox, ou calquera outra plataforma de transferencia de documentos pesados. Asegurádevos de que o material cumpre cos standards mínimos de emisión en broadcast, e lembrade que o formato debe ser 16:9.

E non esquezades que Músicos ao Vivo traslada unha listaxe semanal á CRTVG de todos os concertos que aparecen na axenda da nosa web. O xeito de aparecer nesta publicación semanal será introducindo os concertos na nosa web www.musicosaovivo.com. É público, é libre, é gratuíto. Que máis queremos?

Europa está en crise, se é que algunha vez non o estivo. O gran invento saído das Guerras Mundiais precisa constantes actualizacións. O problema é poñer ós poderosos de acordo. Pero aínda que pareza incrible, nalgunha ocasión todos concordan.

O Parlamento Europeo ven de aprobar por unanimidade a proposta dun novo marco normativo común para a explotación dos dereitos de autor, co obxecto de promover a distribución legal das obras audiovisuais a través de internet, e en especial, da música. A clave deste embrollo é crear un único marco común para todo o mercado dixital europeo, cousa que ata o de agora non sucedía. Sen dúbida, o consumidor de música dixital verase beneficiado desta medida, xa que as plataformas de streaming e de descargas, poderán operar a nivel multinacional sen necesidade de negociar licencias en cada país de xeito individual. Entendamos, iso si, que coma sempre, os poderosos non se unen para facilitarnos a vida ó resto. Se a unión do vello continente comezou no seu día como un acordo multilateral sobre o tráfico do carbón, ten moito sentido que siga sendo a economía a que force as continuas actualizacións do monstro europeo. Non esquezamos que as sociedades de xestión de dereitos da U.E. facturan cada ano 6.000 millóns de euros. Esa cifra move parlamentos e o que faga falta...

Here comes the Summer!!... que dirían the Undertones aló polos primeiros oitentas,  e a verdade é que aquí xa estaba tocando un chisco de verán. Pero en Galicia, cando chega a tempada estival, parece que berramos algo ben distinto: chegaron os festivais!!!

Hai para tódolos gustos. Dende os míticos festivais celtas con anos e anos de tradición, ata os novos festivais que nacen cunha nova identidade cultural e musical. Hai festivais que son auténticos emporios económicos que sustentan ós promotores durante todo o ano, e hainos que emanan dun colectivo ou asociación que o sustenta a base do seu propio esforzo. Hai festivais institucionais, e hai festivais que rallan o vandalismo. Hai festivais que marcan tendencia dentro da escena musical anual, e hainos que nada teñen que ver coa música. Festivais de acampada, festivais urbanos, festivais de pulseira, e festivais pasados por auga. Seguros de responsabilidade civil, contratos e churrasco, carpas, backlines, calor e moita noite. Chegou o verán a Galicia, e detrás veu unha marea de festivais... Cal é o teu?

Xabier Mera é músico, actor e emprendedor na cultura en Galicia. Guitarra e voz do grupo swing manouche Aló Django, actor e socio da produtora Pistacatro, compositor da música de varias obras de teatro, reside agora en Londres para cursar estudos de composición para audiovisual.

-¿Cómo empezaches na música?

Pois cediño. Con 8 anos recordo que estaban de moda aqueles tecladiños pequenos Casio PT-5 e PT-10. Eu quería ter un como os meus compañeiros. Pedinlle un aos meus pais e creo que non entenderon ben porque me trouxeron un teclado enorme  con todas as oitavas (ha ha,..) Ao pouco estaba tocando cancións na casa e máis na miña igrexa, na catequese dos domingos, e xa logo pedinlle aos meus pais de ir ao Conservatorio. Logo viría a adolescencia, as guitarras, o rock,...e nada de igrexas nin clásicos... o normal para moitos, supoño (haha).

-Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.

Honestamente, nin idea. Se o penso, diría que sobre todo o xeito de estar no escenario. O xeito en como vas estando máis seguro e afirmando a túa personalidade tocando en directo con outros músicos e na relación co público. Musicalmente vaste enriquecendo e pola experiencia creo que consegues conectar co que queres facer, con outros músicos e co público máis sinxelamente. Aínda non estou seguro pero creo intúo que co tempo chega a sinxeleza.

 Hai dúas cousas que como músico me gusta facer: a primeira é tocar en directo, guitarra e voz, con proxectos como Aló Django, a nosa banda de jazz manouche con Alfonso Calvo, David Tato, Quim Farinha e Gail Brevitt. A outra e compoñer para teatro e audiovisual, como veño facendo desde a produtora Pistacatro, a cal levamos adiante outros artistas e máis eu, orientada sobre todo cara o teatro, o circo, música, e produción de festivais e eventos.

Eu agora ando en Londres para cursar estudos de composición que poida orientar cara filmes u calquera campo de colaboración (teatro, danza, instalación sonoras, etc.) e por outro lado buscando un novo camiño como músico no escenario, quizais retomando antigas influenzas como o soul ou RNB, ou incorporando outras máis electrónicas. Veremos que novas cousas podemos aportar e emprender. De momento levo uns meses aquí, movendo o meu primeiro EP en solitario autoeditado, Swing in Translation (grazas Chus Silva e María Caramés) e ademais entre xullo e agosto terei os meus primeiros concertos cunha banda de blues que coñecín en Hyde Park, indo a unha romaría galega que organiza parte da diáspora londiniense, no mesmo día que tocaban os Rolling. Bolos pagados, cousa que aquí, en Londres, estrañamente semella que abunda moito o contrario, os concertos profesionais nos que non se cobra. Londres, sendo un sitio onde non é doado vivir, se me aparece como unha cidade chea de inspiración se tes a actitude adecuada.

- ¿Cales son as túas influencias musicais?

Cada vez son menos de crer que un ten claras influenzas musicais asociadas a xéneros ou etiquetas, pois cada vez atopas referencias máis dispares que che interesan e propostas coas que te podes identificar.  Aínda así, etiquetas e xéneros persisten e para min hai moitos anos que o jazz  é o vehículo para expresarme no escenario, e dentro deste, sobre todo o swing, e non só o swing manouche, senón todo o jazz vocal e crooners como Dean Martin. Porén, o rock dos 60 e 70, o soul, e por suposto o blues, están na base das miñas primeiras escoitas e sempre ecoan por aí. Co tempo tamén me interesei na electrónica. Supoño que un vai sumando influenzas e hoxe todo o mundo lle gustan músicas teoricamente distantes que van atopando un sitio común nos gustos de toda a xente, a chamada música popular do S.XX. Agora ando coa ópera, a música cinematográfica e compositores afíns como Aaron Copland (grazas, Bea Busto), lendo sobre orquestración e redescubrindo a pioneiros electrónicos como Edgard Varèse.

-¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Semella que nunca son bos tempo para a lírica (léase música en xeral), ou polo menos para  vivir profesionalmente da música, pero hai xente moi boa tocando. As escolas están a axudar moito niso (Pontevedra, A Coruña, Studio, etc). A xente tómase en serio tocar ben e o acceso a cantidade inxente de música que temos xa desde hai case 20 anos na nube creou xeracións de músicos cun gusto amplísimo, e aínda quen pense o contrario, con moito criterio de escoita, a pesares do consumo rápido e frenético que provoca dispor de máis música da que un pode humanamente escoitar.

Na escena musical hai bos grupos en  moitos estilos diferentes así que é un bo momento. Hai proxectos moi interesantes (Sumrá no jazz, Talabarte no eido do folk, Malandrómeda no Hip-Hop, etc., e perdón polas etiquetas). Profesionalmente xa é outra historia.  O sector non se diferenza doutros e vese afectado tamén polo desmantelamento social que vivimos por parte do estado contra a cidadanía. A iso sumarlle males endémicos propios como a desunión, a queixa continúa e falta de emprendemento empresarial, e voilá! Un panorama que semella desalentador a ese nivel pero que non obstante si que se ve a xente reaccionando agora fronte a ese panorama supostamente tan escuro que nos queren pintar. Xente como a do colectivo Liceo Mutante en Pontevedra ou a Asociación de Músicos Ao Vivo,  aínda que proxectos moi diferentes en forma e obxectivos, son síntomas claros de forzas renovadas e un novo sentir dos músicos cara ó que fan e cara a súa profesión.

-¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Imprescindible. Todos sabemos do bo que é asociarse. Ter diferenzas nos propósitos e nos medios non é malo. Ao contrario. Despois de varias tentativas semella que a Asociación de Músicos Ao Vivo conseguiu artellar algo que tira para adiante e no que os músicos están de acordo en valorar positivamente. E vai necesitar do apoio de moitos deles. Hai moito por facer. Xa se fixo posible, cousas moi boas, como resolver o tema da facturación dos bolos e a posibilidade de contar con asesoría laboral ou tratar de regular os cachés. Ademais funciona xa como interlocutor válido diante das institucións e promotores. E como válido refírome a que o traballo que fan é serio e trata de ser profesional, e por outro lado  a que a maioría de músicos ven na Asociación unha entidade na que se ver representados. Naturalmente non todos nin todas teñen que verse identificados pero falando, incluso con persoas que non partillan do asociacionismo na música, ven igualmente a utilidade da Asociación. Con todo, queda por diante moito camiño e vai ser precisa a axuda de cantos máis mellor.

-¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

A administración debe ser facilitadora da cultura, promovendo, investindo e deixando facer. En Galiza e no resto do Estado trátase agora de impor un modelo de emprendemento cultural máis anglosaxón, e superar aquel modelo francés de proteccionismo e cultura hipersubvencionada. Eu penso nun modelo mixto, onde o Estado non intervén na creación de discurso cultura, pero si facilita que se desenvolva. Para iso se invisten cartos de forma estratéxica como en calquera outro sector económico, entendendo  a cultura como clave, sobre todo en rexións como Galicia onde a cuestión da identidade crea discursos moi conscientes na cultura e que pode ser un motor económico importante. Iso debe ser aproveitado porque é algo que a xente  quere facer real e visible. Ademais a Administración debe promover a creación de cultura con escolas, conservatorios, fomentar o asociacionismo, a cultura e a música de base, apoiando economicamente proxectos en marcha, regulando máis acertadamente as redes culturais institucionais (cun modelo diferente do que se ven facendo en redes como a RGTA ou a RGMV, que semellan buscar ou agradar a todos cada vez con menos cartos ou  crear unha finca privada para os catro de sempre). Por último deixar facer, que é, basicamente, apoiar o que xa está sucedendo, o que os axentes (artistas, promotores colectivos, asociacións, críticos, público) culturais crean a redor de proxectos propios, artísticos ou empresariais (festivais como o Feito en Man, por exemplo, da Asociación Cultural Cidade Vella, en Compostela ou aquel extinto Festival D'Gorra, promovido pola Asociación de Circo e Cabaré Galega Pistacinco, e que fora silenciosamente reapropiado para crear un suposto evento institucionalizado a cargo do Concello, o chamado Festival dos Abrazos). Son todos aqueles proxecto que nacen da cidadanía e que deben ser apoiados pero sen intervir neles directamente. Non deben ser os únicos proxectos pero si son os básicos, son os que articulan a cultura, a comunidade e máis o territorio. Forman profesionais, implican aos artistas, fomentan a economía local real e crean e fidelizan público.

Basicamente, a Administración como facilitadora da cultura real, máis que a creación de discursos institucionalizados e creados desde arriba, con exemplos de proxectos baleiros, como a Cidade da Cultura. Proxectos artificiosos e sen sentido porque non nacen da realidade que a xente activa na cultura está a crear, e que están lonxe tamén do que o consumidor de cultura está a demandar localmente. Iso non quere dicir que a Administración non deba tamén traer outros modelos de cultura que ensinen como se fan as cousas fóra, nin que non se traian propostas de fóra que serían imposibles de promover economicamente desde o asociacionismo cidadá, incluíndo cousas comerciais, alta cultura, propostas marxinais (perdón de novo polas etiquetas), etc., ou formación e ciclos onde amosar como se fan as cousas localmente noutros sitios.

-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

Á marxe do que se pode sacar do anterior, unha contra os propios músicos: a nosa tendencia a non valorar o que facemos e confundir arte e produto con regalar o traballo.

Ben é sabido que o traballo do músico ten unas peculiaridades únicas.

O músico ten sido considerado  tradicionalmente como un bohemio, unha sorte de titiriteiro sen preocupación excesiva pola procedencia das moedas que conforman o seu sustento. Esta crenza social, afortunadamente, parece estar mudando á par da progresiva profesionalización do colectivo.

O noso ordenamento xurídico ten problemas para a correcta situación do músico nun lugar que se corresponda coa súa actividade; e que finalmente se traduce en problemas para o músico debido á diferente e dispar normativa existente e a ausencia dun réxime xurídico propio e apropiado. A natureza do noso traballo é a de ser un traballador por conta allea, aínda que o traballo autónomo tamén está recoñecido para a nosa profesión.

Dende FEMA (Federación de Músicos Asociados) e outras institucións estase a preparar unha proposta para presentar ante o Parlamento español o establecemento dun novo réxime específico para o músico, que atenda ás situacións específicas do colectivo. Pero de momento, temos que ir buscando as mellores opcións posibles dentro da legalidade vixente.

Trala reforma recollida no Real Decreto Lei 4/2013, de 22 de febreiro, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego, os músicos máis novos poderán aproveitarse dunhas reducións nas cotas de autónomos de ata o 80%.

O problema de ser autónomos é a de ter a suficiente carga de traballo durante o mes para que nos compense pagar a cota de autónomos, normalmente establecida en máis de 250 euros mensuais (algo menos para os casos de cota reducida para mozos que funcionaban ata agora).

Con esta reforma os menores de 30 anos ou menores de 35 no caso das mulleres, que sexan autónomos por primeira vez (ou que non estiveran de alta neste réxime nos cinco anos inmediatamente anteriores) poderán aproveitarse de reducións e bonificacións sobre a cota por continxencias comúns por un período máximo de 30 meses.

A música galega máis ligada ó mundo tradicional e ó folk, ten cada ano unha cita estival na Bretaña francesa. @s convidad@s para este ano 2013 son a Asociación Cultural Traspés, Anxo Lorenzo, a Banda de Gaitas de Forcarei, Edelmiro Fernández, Pablo Seoane Méndez, Rodrigo Romaní e Taghaitai.

O Festival de Lorient celebra este ano a edición número 43 e sempre se caracterizou por facerse eco das distintas expresións musicais do mundo celta. Ano tras ano, as chamadas nacións celtas aportan unha boa mostra do que se está a cocer nas súas comunidades. Escocia, Irlanda, País de Gales, Isla de Man, Cornualles, Galicia e Asturias levan moitos anos compartindo un espazo de expresión común que, lonxe de esmorecer co paso do tempo, foi renovándose e gañando público, expectación e visibilidade. Para @s músicos galeg@s será unha nova ocasión de confrontar os seus proxectos musicais co resto de propostas europeas. Haberá mellores embaixador@s que @s músicos gaelg@s polo mundo?

Este ano os premios da música independente prometían unha presenza galega especial. Da man de Agem (Asociación Galega de Empresas Musicais), facíasenos chegar a boa nova de que este ano incluían unha categoría de Mellor Álbum en Galego. Dende aquí os nosos parabéns a eles e a todo@s @s que loitaron porque así fora.

Todos os Premios son importantes pola visibilidade que ofrecen ó traballo de moitos artistas, e o feito de que haxa un oco propio para a música feita en galego valorámolo como de moi positivo. Parabéns tamén ós finalistas, e como non, parabéns a Xoan Curiel, e a tod@s @s músic@s que traballaron e traballan con el, polo premio ó mellor álbum en galego. Xa sabedes que podemos completar ese premio buscando os albumes dos cinco finalistas galegos, e facer un bo regalo estival a algún ser querido. Os finalistas foron os albumes de Uxía “Andando a Terra”, e “María Fumaça”, o “Hostias para todos” de Terbutalina, e o “Disenso” de Telephones Rouges, ademáis do “Magnético Zen” de Xoan Curiel.

E lembrade que teremos outra cita de Premios ó final do ano... A primeira edición dos Premios Galegos da Música, promovidos por Músicos ao Vivo. Permanecede atent@s!!

1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9